diaguita

diaguita
  1. adx

    Relativo ou pertencente aos diaguitas.

    Ex: A cultura diaguita desapareceu como outras precolombinas.

  2. s [ETN/HIST]

    Individuo do pobo diaguita.

  3. s m pl [ETN/HIST]

    Pobo amerindio que viviu no NO de Arxentina, nas provincias de Catamarca e La Rioja e tamén en Chile, entre os ríos Copiapó e Choapa dende o s X. Vivían agrupados en pequenas aldeas, en construcións de barro, palla, canas e madeiras. Cultivaban millo, quínoa, papas, porotos e zapallos, ademais de algodón, que empregaban para os seus vestidos. Complementaban a súa dieta alimenticia con produtos derivados do pastoreo de rabaños de llamas e alpacas, como a carne, e aproveitaban con diversas finalidades a la, os tendóns e os ósos. Ademais, igual ca os pobos que vivían máis ao N, empregaban balsas de coiro de lobo que lles permitiron desenvolver a pesca no mar. Despois da invasión dos incas, cara ao 1470, a cultura diaguita sufriu unha fonda transformación que se reflectiu na cerámica e na metalurxia. A chegada dos conquistadores europeos ao seu territorio en 1540, dirixidos por Diego de Rojas, orixinou a súa desaparición. Entre os elementos conservados destacan os orixinais modelos cerámicos, como as furnas funerarias de corpo globular, os bordos escavados, as pequenas asas de lazo e base plana, decoradas con pinturas de cores crema, ocre, marrón e negra. A variedade dos seus traballos en cobre, co que realizaron coitelos, cinceis, anzois e adornos, e en óso, para confeccionar espátulas decoradas con deseños zoomorfos e antropomorfos, parecen amosar unha civilización desenvolvida.

  4. s m [LING]

    Lingua pertencente ao phylum amerindio que falaba o pobo diaguita. Desapareceu no s XVII ao impoñerse o quechua. Tamén se denomina cacán.

Palabras veciñas

diagrama | diagramático -ca | Diáguez | diaguita | dial | dialaga | dialague