dialéctico -ca

dialéctico -ca

(< lat dialectĭcu < grδιαλεκτικός ‘relativo ádiscusión’)

  1. adx
    1. Relativo ou pertencente á dialéctica.

      Ex: Utiliza procedementos dialécticos.

    2. Aplícase ao pensamento, ao diálogo ou ao comportamento que intenta establecer e manter ao mesmo tempo aspectos opostos entre eles e os seus complementarios.

  2. s
    1. Persoa que profesa a dialéctica.

    2. Persoa hábil no diálogo, que ten unha maneira de pensar non simplista, de acordo coa complexidade da realidade.

  3. s f [FILOS]
    1. Rama da lóxica que ensina as regras do razoamento.

    2. Proceso mental de comprensión do real mediante a contraposición e a síntese dos contrarios, de acordo coa mesma condición complexa da realidade constituída por elementos antitéticos. A dialéctica abrangue tanto o modo discursivo de comprensión da realidade (dialéctica do pensamento), como a mesma realidade (dialéctica das cousas). Como proceso mental, opera por divisións, contraposicións e sínteses parciais, pero ao mesmo tempo intúe a totalidade que se supón constitutiva do real. Na filosofía occidental, sinálase a Heráclito como o primeiro en entrever a dialéctica das cousas. Configurada como un modo de pensamento e arte da discusión por Zenón e os sofistas, Sócrates fixo do diálogo o método de clarificación nas ideas. Platón adoptou esta técnica e concibiuna como unha ciencia que, partindo sempre do sensible e das verdades parciais das diversas ciencias, acada as ideas xerais e o fundamento do saber (dialéctica ascendente) e, ao mesmo tempo, baixa desde estes niveis superiores cara ás realizacións concretas (dialéctica descendente). En cambio, Aristóteles considerou a dialéctica como o método para obter conclusións só probables. Na escolástica medieval, déuselle o nome de dialéctica á lóxica formal, contraposta á retórica. Na Idade Moderna, Descartes presentou un claro exemplo de pensamento dialéctico na súa cosmogonía, mentres que Spinoza o aplicou na teoría sobre a substancia como causa de si mesma. O pensamento dialéctico apareceu tamén en Francia, nas obras de Rousseau, quen investigou as contradicións como condición do desenvolvemento histórico, e de Diderot, que se ocupou das contradicións na conciencia social do seu tempo. Kant estableceu a dialéctica transcendental como o método para desvirtuar a elaboración racional das ideas metafísicas, sinalou o valor das forzas contrarias nos procesos físicos e desenvolveu as ideas dialécticas na teoría das antinomias na epistemoloxía. Superado Kant, Hegel estableceu e desenvolveu unitariamente a dialéctica do pensamento e a do ser, á que se opón a dialéctica teolóxica de Kierkegaard, que acentúa a contraposición do home e Deus. Despois de desbotar o contido idealista da filosofía de Hegel, o materialismo dialéctico de Marx e Engels estruturouse sobre a base da concepción materialista do proceso histórico e do desenvolvemento do coñecemento, ao xeneralizar os procesos reais que ocorren na natureza, na sociedade e no pensamento. Dende mediados do s XX algúns autores, como Sartre ou Adorno, ocupáronse dun xeito crítico da dialéctica, sen abandonar a tradición marxista.

  4. s f [LIT]

    Termo que ten a súa orixe na filosofía grega e que alude á arte de expresar as propias convicións, desenvolvendo argumentos e ideas, para convencer aos que sosteñen as contrarias. Adoita empregar a forma de diálogo, no que alternan afirmacións e as súas réplicas correspondentes, se ben ás veces se encarna nun monólogo. Trátase dunha disciplina complementaria da retórica que se utiliza como un medio de persuasión. Foi unha das artes liberais e integrouse no trivium. Durante o Renacemento perdeu importancia e adquiriu un carácter negativo que se mantivo ata o s XVIII.

Palabras veciñas

dialectal | dialectalismo | dialectalización | dialéctico -ca | dialecto | dialectólogo -ga | dialectoloxía