dialecto
(< lat dialectu < grδιάλεκτος ‘conversa, linguaxe’)
ariedade intraidiomática que se distingue doutras pertencentes á mesma lingua en función da zona xeográfica onde se fala, a clase social que a utiliza, etc. As diferencias entre os dialectos poden darse no plano léxico, morfolóxico, sintáctico e/ou fonético. O termo dialecto referíase en principio exclusivamente á variación espacial, pero a noción foi estendéndose ata abranguer calquera tipo de variación: espacial, temporal, social ou situacional (estilística). De aí que para evitar ambigüidades, sexa conveniente utilizar o termo acompañado dun cualificativo. Pola contra, poderá interpretarse no seu sentido máis xenérico -equivalente a variedade-, ou ben na súa acepción orixinaria, dialecto espacial ou xeográfico, tamén denominado xeolecto, do mesmo xeito que o dialecto social se coñece como sociolecto. Os dialectos, na medida en que son ‘variedade de’, remiten sempre a unha lingua determinada, que os inclúe, e neste sentido o concepto é relativo. Por exemplo, o galego lucense e o galego das Rías Baixas son dialectos (xeográficos) da lingua galega, pero, adoptando outra perspectiva, o galego xunto co francés, o portugués ou o catalán son, á súa vez, dialectos do latín. Con respecto á distinción entre lingua e dialecto, tanto nun caso coma noutro estase ante abstraccións -de diferente grao-, que se constrúen a partir da fala heteroxénea dos individuos. Os criterios que se utilizan para establecer qué variedades son dialectos da mesma lingua e cáles linguas diferentes son múltiples, desde a existencia ou non de literatura escrita, ata o seu recoñecemento oficial, pasando pola capacidade de intercomprensión. Non obstante , só este último parámetro pode considerarse estritamente lingüístico, de maneira que os demais pertencen ao ámbito legal, político ou cultural. O conflito xorde cando se trata de delimitar variedades pertencentes á mesma familia lingüística e próximas desde un punto de vista estrutural. Así, por exemplo, non hai dúbida de que o galego e o éuscaro son linguas distintas e non dialectos dunha mesma lingua, pois a intercomprensión entre estes dous códigos é nula. Pero non sempre é tan doado medir a capacidade de intercomprensión; pénsese por exemplo no italiano e o castelán ou no galego e o portugués; estes casos son os que fan que se recorra a outros criterios de delimitación mencionados máis arriba, entre os que cómpre subliñar a importancia da valoración subxectiva dos propios falantes (se eles se consideran ou non falantes da mesma lingua). Tradicionalmente, a cualificación de dialecto -fronte a lingua-, foi acompañada de connotacións pexorativas (baixo prestixio). Así, ao longo da historia pódense atopar numerosos casos nos que un código só adquire o status de lingua despois de pasar por un período de reivindicación social e os conseguintes procesos de normalización e normativización. Ademais, no interior dunha mesma lingua tamén uns dialectos adoitan ter máis prestixio ca outros, destacando de maneira especial o dialecto estándar. Independentemente destas diferencias valorativas, desde un punto de vista lingüístico todos os dialectos se sitúan ao mesmo nivel.