Diálogo Norte-Sur
Conversas sostidas entre o mundo desenvolvido e o subdesenvolvido ou en vías de desenvolvemento, e tamén cos países subgobernados. O seu obxectivo foi o establecemento dunha nova orde económica internacional que permitise acurtar as distancias no grao de desenvolvemento entre os distintos países, que marca a diferenza económico-social entre o Norte e o Sur. Os antecedentes destas conversas foron numerosos. En 1964, a Organización das Nacións Unidas (ONU) creou o cargo de secretario da Conferencia das Nacións Unidas para o Comercio e o Desenvolvemento (UNCTAD), coa misión de promover o comercio internacional e acelerar a evolución económica dos países de Asia, África e Latinoamérica. Nas negociacións que se produciron na UNCTAD, os países afroasiáticos e latinoamericanos constituíron o Sur, mentres os países industrializados conformaron o Norte e defenderon políticas baseadas na economía de mercado. En 1975, celebrouse en París a Conferencia de Cooperación Económica Internacional, que xurdiu como unha iniciativa do ex-presidente francés Valery Giscard D’Estaing e serviu como base para o diálogo Norte-Sur. En 1979 tivo lugar a V Conferencia da ONU sobre o Comercio e o Desenvolvemento (UNCTAD) en Manila e a III Conferencia da ONU para o Desenvolvemento Industrial (ONUDI) en Nova Delhi. En agosto e setembro de 1980, celebrouse a XI Asemblea Xeral Extraordinaria da ONU na que EE UU, a República Federal de Alemaña (RFA) e o Reino Unido bloqueron o lanzamento das negociacions globais. No Cume de Otawa, en xullo de 1981, volveuse estudar a situación coa participación dos EE UU, RFA, Reino Unido, Francia, Italia, Xapón e Canadá. A evolución económica e política do contexto internacional nos anos oitenta e noventa, caracterizada pola imposición do modelo económico liberal como única elección, malia que os países en vías de desenvolvemento expresaran o seu rexeitamento, o remate da bipolaridade internacional e a crise dos réximes comunistas en Europa Oriental debilitou a posición do Sur, que deixou de ter valor estratéxico no ámbito internacional e apareceu cada vez máis dividido. Durante o Cume de Rio de Janeiro, ou Cume da Terra, celebrado en xullo de 1992, o debate sobre o desenvolvemento sostible e a protección do planeta amosou o desequilibrio no acceso aos recursos naturais. Os países do Sur lograron impoñer o principio dunha contrapartida económica por parte dos países industrializados para a explotación dos recursos que o Sur non pode aproveitar. Este cume tamén reflectiu a vontade dos países do Norte de promulgar unha normativa para un crecemento económico respectuoso co medio ambiente.