Diario As
Publicación deportiva editada en Madrid dende o 6 de decembro de 1967. Fundada por Vicente Montiel Balazat e dirixida por Luis González Linares, en 1972 converteuse no primeiro diario deportivo español, cunha tiraxe media de 225.000 exemplares. A partir de 1975 conseguiu ser o de maior venda de España, superando incluso aos de información xeral. Despois dunha pequena crise, que rematou coa incorporación do grupo PRISA ao accionariado en 1996, comezou unha nova etapa, dirixida por José Ángel García Olea, Alfredo Relaño e Alejandro Elortegui. Divídese nas seguintes seccións: “Fútbol” (Liga española, Copa do Rei, Champions League, Copa da UEFA e os principais campionatos nacionais do mundo), “Baloncesto” (ACB, NBA e competicións europeas), “Motor” (motociclismo, Fórmula 1 e rallyes), “Más Deporte” (ciclismo, tenis, atletismo, fútbol sala, balonmán, fútbol americano, etc) e “Opinión”. Na edición galega, dedica catro páxinas e a contraportada aos equipos galegos de Primeira División, ademais dun especial nas xornadas da Champions League. Por outra banda, inclúe información nunha páxina dos equipos galegos de Segunda División A e Segunda División B, e outra titulada “Polideportivo”, con artigos sobre baloncesto, balonmán e fútbol sala. No ano 2000 tiña unha tiraxe aproximada de 250.000 exemplares, cunha media de venda que se achegaba aos 160.000.