Diario de Pontevedra, El

Diario de Pontevedra, El
[PUBLIC]

Xornal editado a partir do 1 de agosto de 1887 en Pontevedra. Subtitulado “Periódico liberal”, tivo os seus antecedentes máis directos en El Diario (1882) e Diario de Pontevedra (1879). Dirixido por Andrés Landín e posteriormente polo seu fillo Prudencio Landín, seguía a liña ideolóxica marcada por Uxío Montero Ríos, con escasa información, anticlerical, contrario ao tradicionalismo e ao galeguismo. No eido literario, cómpre salientar a aparición dalgúns contos como o titulado “Ruth”, de Corina Agüero. No ano 1899 subtitulouse “Decano de la prensa de esta capital”. Coa morte de Montero Ríos en 1912, pasou a estar tutelado por Eduardo Vicenti. A partir de 1922 pasou a mans de Evaristo Paredes, quen o dirixiu ata febreiro de 1939, data na que desapareceu por mor dun expediente informativo do ministerio do Interior. Despois dun longo período, a Cámara Oficial de Comercio, Industria e Navegación de Pontevedra, co apoio de Xosé Luís Olmedo, Xoán Santos, Enrique Moldes e Emilio Vázquez, conseguiu que reaparecese. A partir de setembro de 1963, Emilio González de Hoz liderou o consello de administración, Enrique Paredes dirixiuno e Ángel Huete foi o redactor xefe. Contou coa colaboración de Alfredo García Alén, Celso E. Ferreiro, Feliciano Barrera, Amancio Landín, Álvaro Ruibal, Francisco Pablos e Sebastián Risco. Entre os anos 1967 e 1968 volveu suspender a súa publicación. En abril de 1988 renovou a súa rotativa e o seu equipo informativo, e incorporou un sistema de impresión en offset. Dirixido por Antón Galocha López, pertence ao grupo editorial El Progreso. Distribúese fundamentalmente polos concellos de Pontevedra, Marín, Bueu, Lalín, Vilagarcía, O Grove e A Estrada, cunha tiraxe media de 7.200 exemplares diarios.