Díaz

Díaz
  1. [ONOM]

    Apelido patronímico formado a partir do nome Didacus, de onde derivou Diego. Outras variantes deste apelido son: Días, Díez, Diéguez, Diegues, Diz, Dis. Na época medieval as variantes, tanto en documentos en latín como en romance, que presentaba eran moitas máis: “Ovecus Didaci” (doc ano 857 en E. Rivas Quintas, Onomástica persoal do noroeste hispano, 1991, p 373), “Gondesindo Diaz” (doc ano 910 en E. Rivas Quintas, Onomástica persoal do noroeste hispano, 1991, p 373), “Petrum Diez” (doc ano [942-977] en J. Mª Andrade Cernadas, O tombo de Celanova, 1995, p 225), “Vistrario Didat” (doc ano 977 en Santiago Montero Díaz, La colección diplomática de San Martín de Jubia [Ferrol], 7, 25, 1935, p 58), “Ioannes Diaci” (doc ano 1001 en Manuel Lucas Alvarez, El tumbo de san Julián de Samos (siglos VIII-XII), 1986, p 457), “Froilani Didazi” (doc ano 1098 en Manuel Lucas Álvarez, El tumbo de san Julián de Samos (siglos VIII-XII), 1986, p 472), “Petrus Diat de Pela” (doc ano 1209 en P. Loscertales, Tumbos del monasterio de Sobrado de los Monjes, vol II, 1976, p 193), “Garcia Deas” (doc ano 1433 en X. Ferro Couselo, A vida e a fala dos devanceiros. Escolma de documentos en galego dos séculos XIII ao XVI, vol II, 1967, p 165), “Afonso Dys” (doc ano 1436 en Enrique Cal Pardo, El monasterio de San Salvador de Pedroso en tierras de Trasancos. Colección documental, 1984, p 273), “Diego Diis” (doc ano 1483 en X. Ferro Couselo, A vida e a fala dos devanceiros. Escolma de documentos en galego dos séculos XIII ao XVI, vol II, 1967, p 203). As formas Diéguez e Diegues creáronse directamente a partir do nome persoal romance Diego.

  2. [HIST/HERÁLD]

    Liñaxe que se estableceu na Devesa, en Ribadeo. As súas armas levan un escudo cuarteado: primeiro e cuarto cuartel, en campo de azul, cunha estrela de ouro; segundo e terceiro de prata, cunha árbore de sinople arrincada. Outra variante trae, en campo de azul, tres bandas de prata, acompañadas de dez estrelas de ouro de catro puntas, colocadas catro a cada un dos lados da banda central e as outras dúas por fóra das bandas laterais, unha arriba e outra abaixo. Algúns levan, en campo de azul, un cometa de ouro. Outros ostentan escudo cuarteado: primeiro e cuarto cuartel, en campo de azul, unha estrela de ouro, coa cola de abaixo máis longa ca as outras; segundo e terceiro, en campo de goles, cunha torre de prata.