Díaz Díaz, Manuel Cecilio
Profesor. Licenciado en Filoloxía Clásica pola Universidad Central de Madrid (1945), doutorouse coa tese El latín de Valerio del Bierzo. Contribución al estudo del latín visigodo. Catedrático de Filoloxía Latina nas universidades de València, Salamanca e, dende 1968, de Santiago de Compostela, especializouse no latín tardío e medieval, e nos eidos da patrística e codicoloxía. En 1950 traballou en Múnic na redacción do Thesaurus linguae latinae e, xunto a Paul Lehmann, continuou os traballos paleográficos e codicolóxicos que iniciara en Madrid con Jean Mallon e Pascual Galindo. Organizou a Primeira Reunión Galega de Estudios Clásicos (1979), o coloquio sobre Circulación de códices y manuscritos entre Europa y la Península en los siglos VIII-XII (1982), a Segunda Reunión Galega de Estudios Clásicos (1984), o VIII Coloquio do Comité Internacional de Paléographie Latine (1987) e o seminario Camino de Santiago. Rutas y peregrinos (1989). Autor de manuais de latín para ensino medio, director da colección Clásicos en Galego e coordinador do proxecto Catálogo de Códices Visigóticos, dirixiu os equipos de investigación La cultura española de la Alta Edad Media (1963-1964), Galicia hasta 1500: fuentes y bibliografía (1981), Liber Sancti Iacobi: edición y estudo (1984) e Estudio y edición crítica del Pseudo-Turpín (1988). Colaborador de publicacións especializadas como Bibliographia patristica, Bulletin codicologique, Compostellanum e Studi Medievali, da súa produción destaca a edición e tradución de La conjuración de Catilina (1947), Antología del latín vulgar (1950), Index scriptorum latinorum medii aevi Hispanorum (1958-1959), a edición e tradución do Satiricón (1968-1969), Las primeras glosas hispánicas (1978), Libros y librerías en la Rioja Altomedieval (1979), Introdución General a las Etimologías de Isidoro de Sevilla (1982), Hechos de don Berenguel de Landoira, arzobispo de Santiago (1983), Visiones del más allá en Galicia durante la Alta Edad Media (1985), El Códice Calixtino de la Catedral de Santiago. Estudio codicológico y de contenido (1988) ou De Santiago y de los Caminos de Santiago (1997). Entre outros cargos, foi presidente da Sociedad Española de Estudios Clásicos (1967-1969), membro fundador da Asociación Patrística Internacional de París, do Grupo Patrístico Español e da Sociedade Española de Estudios Monásticos. Formou parte da comisión pro edición de textos visigodos do CSIC, do Comité International des Études Isidoriennes de París e foi nomeado membro do Comité Scientifique de L’Armarium Codicum Insignum (1981), do Comité d’Experts du Chemin de Saint-Jacques do Consello de Europa (1988), do Comitato Internazionale di Codicologia de Perugia (1978), vicepresidente do Comité Internacional de Paléographie Latine (1985), socio de honor da Asociación de Literatura Medieval (1987), da Sociedad Española de Medievalistas (1988), socio de honor da Sociedad Española de Estudios Latinos (1993) e membro do Comité de Expertos do Camiño de Santiago (1993). Doutor honoris causa da Universidade de Lisboa e profesor emérito da Universidade compostelá (1989), obtivo a Medalla de Prata da Xunta de Galicia (1992), a Medalla de Ouro ao Mérito Cultural da Cidade de Santiago (1994) e o Premio Nacional de Investigación Humanista Menéndez Pidal (1997).
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Mugardos