Díaz Díaz, Manuel Ceferino

Díaz Díaz, Manuel Ceferino

Economista, político e profesor. Licenciado en Ciencias Económicas pola Universidade de Santiago de Compostela, en 1972 incorporouse ao departamento de Estrutura Económica da facultade de Ciencias Económicas compostelá e doutorouse coa tese Política rexional en Galicia. Dos polos de Desenrolo ás ZUR. En 1972 ingresou no Partido Socialista Galego e en 1977 participou na formación do Colectivo Socialista Galego, que no 1978 se integrou no PSG-PSOE, do que foi secretario xeral de Santiago de Compostela. Deputado autonómico desde a primeira á cuarta lexislaturas (1981-1997) pola circunscrición de Lugo, foi voceiro parlamentario de Asuntos Económicos do grupo socialista. Da súa produción escrita destacan os artigos “Agricultura e capitalismo en Galicia: o proceso de modernización da agricultura galega” (1979) e “Problemas estruturais na integración da agricultura galega na CEE” (1981), publicados en Revista Galega de Estudios Agrarios, e “Galicia na CEE” (1987), editada en Encrucillada. Colaborou nos ensaios A Autopista del Atlántico: Sistema de transportes e desenrolo galego (1977) e Ensaio histórico e económico: antoloxía/escolma de textos (1997) e ofreceu o seu testemuño en O Estatuto de Autonomía de Galicia: documentación oficial (1977-1981), de Baldomero Cores (2001).

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : Escairón, O Saviñao