Díaz Pardo, Isaac
Pintor, deseñador, debuxante, ceramista e escritor, fillo de Camilo Díaz Baliño. Naceu na casa da Tumbona, na rúa das Hortas, onde acudían moitos dos intelectuais e artistas galeguistas dos anos trinta. Colaborou na campaña en favor do Estatuto de 1936 coa realización de carteis, tres deles asinados co nome de Xalo (Galegos para conquerir a liberdade..., SI e Para arrematar cos caciques...) e outro como Isaac Díaz (Las dos simbolizan la Libertad). Tralo estalido da Guerra Civil e o asasinato do seu pai, tivo que refuxiarse na Coruña na casa do seu tío, o tamén pintor Indalecio Díaz Baliño. A causa destes feitos, a súa nai, Antonia Pardo Méndez, perdeu a consciencia e morreu en 1938. Na Coruña comezou a pintar e en 1937 ingresou na casa Bianchi, taller de pintura industrial. En 1939 realizou a súa primeira exposición na Asociación de Artistas da Coruña onde presentou retratos, un autorretrato e diversas obras entre as que destaca Campesiña galega. Retomou os estudios pero, por mor das dificultades económicas, abandonou a idea de estudar arquitectura e marchou a Madrid onde, cunha bolsa da Deputación da Coruña, estudiou na Escuela de Bellas Artes de San Fernando (1940-1942). En 1940 foi procesado polo apedramento da farmacia de Víctor Muñoz que realizou, xunto con outros compañeiros das Xuventudes Socialistas Unificadas, en 1936. Durante o curso 1941-1942 participou na primeira experiencia que sobre deseño industrial se fixo en España da man de Carlos Sáinz de Tejada. Ao terminar a carreira recibiu o Premio de Colorido e Composición. En 1942 obtivo por oposición a bolsa Conde de Cartagena outorgada pola Real Academia de Bellas Artes de San Fernando, que lle permitiu viaxar a Italia (Roma, Florencia e Siena) e coñecer a pintura renacentista. Foi profesor auxiliar de debuxo da Escola de Belles Artes de Sant Jordi de Barcelona durante o curso 1942-1943. En 1946 recibiu da Deputación da Coruña a bolsa F. Álvarez de Sotomayor para ampliar estudios en París, que cambiou por Londres. Durante os anos corenta, expuxo na Coruña, Vigo, Madrid, Barcelona e Londres. A formación académica e o coñecemento dos clásicos, sobre todo trala súa viaxe a Italia, e o simbolismo, marcaron as súas primeiras obras. A súa temática centrouse na figura humana, en especial a feminina, maternidades e nus, figuras ampulosas e escultóricas que en moitas ocasións protagonizaron temas mitolóxicos reinterpretados de xeito persoal. Cultivou tamén o retrato e os bodegóns, a paisaxe interesoulle só como fondo, non como tema concreto. Co paso do tempo a súa pintura contactou coa estética dos renovadores e introduciu unha deformación expresionista, sen abandonar o debuxo, e unha preocupación social. Realizou entón figuras vigorosas e robustas, con grandes ollos, realizadas por liñas grosas e abruptos trazos, marcadas pola distorsión lineal e polos escorzos. Recoñecido pola crítica como un dos novos valores da plástica galega, decidiu en 1948 abandonar a práctica profesional da pintura, aínda que continuou pintando. Entre as súas obras destacan As parcas (1942), As tres gracias (1953), Maternidade (1955), Xente alporizada (1955), Nu (1962), A nave espacial (1964), Os naúfragos, O enterro, Lección de música e os numerosos nus femininos. No eido do debuxo cómpre destacar a publicación dos libros: Unha presa de debuxos feitos por Isaac Díaz Pardo de xente do seu rueiro (1956), formado por vinte debuxos expresionistas acompañados dun texto literario, entre os que destaca o titulado “O meu cabalete”, onde fixo unha reflexión sobre as razóns que o levaron a abandonar a pintura para dedicarse a aspectos máis comprometidos co futuro cultural e artístico de Galicia; e 20 nus de Cecilia a acróbata (1965), onde realizou variacións do tema da muller, cada unha coa súa introdución literaria. A súa actividade como cartelista, iniciada en 1936, retomouna a partir da década de 1950 e realizou carteis tanto na Arxentina como en Galicia. Fixo carteis, entre outros, anunciadores de obras de teatro (Dansen, de Bertold Brecht, Compañía Luís Seoane, 1980), de festivais de cine (7º Certamen Cine de Humor Cidade da Coruña, 1979), políticos (Frente ao Estatuto da UCD, Auténtica Autonomía, 1977; 60 anos despois, Congreso para o estudo dos escritores do exilio republicano, 1999), de actividades culturais e sociais (Simposio Internacional: Muller e Cultura, 1992; Festas do concello de Cervo, 1996) e alusivos ás súas exposicións (Isaac Díaz Pardo, Dibujos, Centro Lucense de Bos Aires, 1957; Isaac Díaz Pardo, Exposición Auditorio de Galicia, 1991). Realizou carteis de cego que asinaba co pseudónimo de O cego Zago; entre eles destacan A nave espacial (cartel de cego) (1970), O marqués de Sargadelos (cartel de cego) (1970), Paco Pixiñas (1970), O crime de Londres: a criada que estrangulou a súa ama pola música (1977) e Castelao: historia contada polo cego Zago e debuxada por Díaz Pardo en 17 cadros e 2 intermedios de pranto do cego (1985). No eido da ilustración, realizou cubertas de libros entre as que sobresaen Xente ao lonxe (1972), de E. Blanco Amor, e Discusión sobre organización de industrias manufactureras (1960), obra súa censurada por atentar contra a realidade industrial internacional ao intentar crear unha conciencia industrial en Galicia. Entre os numerosos libros que ilustrou destacan A Esmorga (1959), de E. Blanco Amor; Memorias dun neno labrego, de X. Neira Vilas; Danzas (1973), de J. Rodríguez Yordi; e A Gaiola (1996), de Alfredo Conde. Traballou tamén no eido do deseño gráfico e realizou os deseños dos catálogos de Ediciós do Castro e de Cerámicas do Castro. Fixo o Monumento aos fusilados da Guerra Civil (2001). Interesado pola relación entre arte e industria, despois de abandonar a práctica profesional da pintura, creou en 1949 a industria Cerámicas do Castro en Castro de Samoedo (Sada). Ensaiou coas materias primas empregadas no antigo Sargadelos e creou unha porcelana de boa calidade que comezou a expor a partir de 1951. Non obstante , a venda das arxilas e dos caolíns a empresas alemanas motivou que en 1955 fixese unha viaxe a Bos Aires, onde trasladou a experiencia da industria coruñesa para crear a Fábrica de Cerámicas La Magdalena, a 108 km da capital arxentina. Repartiu o tempo entre os dous complexos cerámicos e durante as súas estancias na Arxentina coñeceu o exilio galego. O contacto, entre outros, con Luís Seoane, Rafael Dieste, Arturo Cuadrado e E. Blanco Amor, permitiulle o coñecemento da Galicia exterior e o nacemento no seu pensamento, por unha banda, da loita contra a historia oficial promovida polo franquismo e, por outra, pola defensa da memoria histórica de Galicia. Colaborou en Galicia Emigrante e participou en diversas mostras, entre as que sobresae a colectiva de arte galega celebrada en 1952 e a exposición individual de obras cerámicas de 1956. A súa amizade con Luís Seoane desembocou na sinatura do convenio de creación do Laboratorio de Formas (1963) que, xunto a Cerámicas do Castro, tomou como proxectos a restauración do complexo cerámico de Sargadelos (1968-1970) e a fundación de Ediciós do Castro (1963) e do Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside (1970). Os fins do laboratorio foron, en xeral, apoiar toda iniciativa investigadora que se basease en Galicia e recuperar esa memoria histórica perdida dende a Guerra Civil. Creou tamén o Seminario de Sargadelos (1972), fundado como un Instituto de Investigación Técnica e de Sistemas de Comunicación, e contribuíu á formación do Instituto Galego da Información (1977). Foi o artífice de que o Laboratorio Xeolóxico de Laxe non desaparecese e se trasladase ao complexo de Sargadelos en 1979, e constribuíu tamén á rehabilitación do Seminario de Estudios Galegos. Entre outras publicacións escribiu en Obradoiro, A Nosa Terra, Grial, Galicia en Madrid e Unión Libre. Colaborou en obras colectivas sobre, entre outros, A. Castelao, R. Dieste, L. Seoane e C. Maside, ademais de realizar textos para catálogos de artistas galegos. Galicia Hoy (1966), obra realizada con Luís Seoane baixo os pseudónimos de Santiago Fernández (Seoane) e Maximino Brocos, e publicada en Ruedo Ibérico, foi un dos seus escritos perseguidos en España ante a diferente visión que se mostraba da Guerra Civil e da situación galega do momento, contraria á versión oficial. Foi autor, entre outras obras de El ceramista Arranz y su escuela (1965), El escultor Emiliano Barral (1965), Contribución de urgencia al entendimiento de los problemas arte/industria (1976), Cerámicas articuladas de Silverio Rivas (1977), Galicia hoy y el resto del mundo: neo-mozárabes y neomudéjares a cien años del nacimiento de Castelao y a cincuenta años de la guerra civil española (1987) e Presencias galegas na arte dos nosos días (1992). No apartado da escrita dramática publicou dúas obras: Midas e O ángulo de pedra, as dúas en 1957; e no campo teatral destacan os seus traballos escenográficos en obras como Dansen (1980), para a Compañía Luís Seoane, e a súa actividade como cartelista e ilustrador. Recibiu entre outros galardóns o Pedrón de Ouro (1976), a Medalla de Ouro e o nomeamento de Fillo Predilecto da cidade de Santiago de Compostela (1988), o Premio Otero Pedrayo das Deputacións Provinciais (1990), a Insignia de Ouro (1991) e o título de doutor honoris causa (1992) da Universidade de Santiago de Compostela, o Premio Trasalba da Fundación Otero Pedrayo (1993), a Vieira de Prata do Padroado da Cultura Galega de Montevideo (1995) e o título de Galego Egrexio pola Fundación Premios da Crítica de Galicia (1997). En 1989 a Deputación da Coruña creou o Premio de Artes Plásticas Díaz Pardo.
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Santiago de Compostela