Díaz Rey, María Xosé
Pintora, escultora e ceramista. Licenciouse en Belas Artes na especialidade de pintura pola Universidad de Barcelona. Comezou a súa carreira artística no campo da pintura traballando con ceras de cores. Nos anos oitenta formou parte do grupo Nome e do grupo Remol. Foi secretaria da Asociación de Artistas Plásticos de Santiago de Compostela. As súas primeiras obras cerámicas foron sinxelas figuras nas que algúns motivos decorativos procedían dos debuxos dos tecidos xaponeses. O seu horizonte creativo ampliouse co emprego de diferentes materiais como o ferro, o chumbo, o estaño e a pedra, para realizar esculturas de formas xeométricas que se relacionan co construtivismo e o minimalismo. Na década dos noventa, introduciu novos materiais como o arame, os plásticos, o cánabo e o látex para crear formas e volumes abertos que invitan o espectador a participar das obras. As caixas de malla de nailon, características da súa produción nos anos noventa, remiten á concepción minimalista da obra como obxecto fabricado. Introduciu a xeometría e a luz, e en 1995 integrou a auga e as cunchas mariñas como elementos plásticos, entre outras na serie Pegadas do mar. Nas mostras Caminantes (1999), itinerante por Galicia, Asturias, Cantabria e León, Diálogos co silencio (Santiago de Compostela, 2000) e El hilo de Ariadna (Gijón, 2001), mostrou unha serie de obras realizadas, entre outros materiais, con plásticos, arames e cristais de mar que creaban transparencias que invitaban a entrar no espazo interior da obra e que evocaban, de novo, as estampas xaponesas. Participou en numerosas mostras colectivas, entre as que destacan, Expo’92. Sección Nuevos Valores (Sevilla, 1992), Trazos e Camiños (Xacobeo’93), II Bienal de Artistas Galegas (Vigo, 1994), ARCO’96 coa Galería Marimón de Ourense e La cerámica como punto de partida. Escultura gallega contemporánea (Lugo e Córdoba, 2000). Realizou, entre outras, exposicións individuais en Barcelona, A Coruña, Ferrol, Madrid, Mondoñedo,Vilagarcía de Arousa, Santiago de Compostela e Vigo. Recibiu o premio de Cerámica Cidade de Ferrol (1984). A súa obra está presente, entre outras, nas coleccións da Xunta de Galicia, Caixa Galicia, Caixanova e o Museu de Ceràmica de Barcelona.
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Catoira