Díaz Robles e Quiroga, Agostiño

Díaz Robles e Quiroga, Agostiño

Pintor neoclásico. Recibiu en Madrid formación científica no eido da astronomía, da física, das matemáticas e da química. Desempeñou diversos cargos no Arsenal de Ferrol e dirixiu, de xeito interino, a fábrica de moedas de Xubia (1813-1816). Iniciou a súa carreira artística a finais da década de 1790. A crise da produción naval iniciada coa Guerra de Independencia, levouno a dedicarse de cheo á pintura. Pintor de limitados recursos artísticos, empregou sobre todo tons ocres e terras. No seu estilo demostrou coñecer a obra de Mengs, do que se pensa que foi discípulo e de quen copiou o seu Descendemento para a capela do cemiterio de Ferrol (1817). Na catedral de Mondoñedo realizou entre 1829 e 1834 os cadros Inmaculada Concepción, Virxe do Rosario, Desposorios da Virxe, San Sebastián e San Fernando na toma de Sevilla. Para o Hospital da Caridade de Ferrol fixo, entre outras obras, os retratos Dionisio Sánchez Aguilera, Alejandro Queipo de Llano e Ángel Buceta y Figueroa. En Ferrol realizou tamén, entre outras obras, o Retrato de Josefa Pardo de Cela.

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : San Salvador de Leiro, Miño

  • Deceso

    Lugar : Ferrol