dicionario

dicionario

(

s m [LING]

Listaxe en que se recompila, xeralmente en orde alfabética, o conxunto de palabras, xiros e sintagmas dunha lingua, ou ben os termos dunha técnica, arte, ciencia ou especialidade, xunto cos correspondentes significados ou equivalencias noutra lingua. Pode incluír xunto a cada termo a súa pronuncia, etimoloxía, información sobre a clase de palabra, exemplos de uso, sinónimos e contrarios, etc. O formato tradicional en que se presenta é o libro, pero a expansión da informática deu lugar á existencia de dicionarios en soporte electrónico. O termo dicionario apareceu por primeira vez no Ditionarium (s XIII) do musicólogo John of Garland. Ata o Renacemento os termos predominantes foron os de vocabularium, que recollía vocábulos para os estudiantes; glossarium, ou colección de glosas, que interpretaba voces antigas; e lexicon, que reunía locucións e expresións. A existencia de dicionarios está testemuñada xa na cultura asiria (s VI a C) e posteriormente en Grecia e Roma, onde constituían repertorios de palabras e frases de uso pouco frecuente. Na obra De verborum significatu, de Quinto Valerio Flaco, as palabras aparecían xa ordenadas alfabeticamente xunto con informacións sobre a gramática e o saber do momento. A partir do s XV, o movemento humanista e a aparición da imprenta favoreceron a aparición de dicionarios, na súa maioría bilingües. Pero xa nesa época comezaron a abundar os monolingües, como o Thesaurus linguae latinae (1532), de Robert Estienne, e o Thesaurus graecae linguae (1572), de Henri Estienne. A partir do s XVIII apareceron os dicionarios normativos, como o Dicionario de Autoridades (1726-1739), da Real Academia Española, e o Ditionary of the English Language (1755), de Samuel Johnson, que tiñan como modelo o Ditionnaire de l’Académie Française (1694). O precedente foi o Vocabulario degli Accademici della Crusca (1612), que fixaba a norma italiana sobre o dialecto toscano. Na liña dos grandes dicionarios con intención normativa inseríronse obras como: Dicionário da Língua Portuguesa (1789), de António Morais Silva; An American Ditionary of the English Language (1828), de Noah Webster; Deutsches Wörterbuch (1852-1961), de Jakob e Wilhelm Grimm; Dizionario della lingua italiana (1858-79), de Tommaseo, Bellini e Meini; Ditionnaire de la langue française (1863-73), de Emile Littré; Oxford English Ditionary (1933), etc. Trátase de dicionarios de lingua, monolingües e interesados polo léxico xeral. O tipo máis antigo é o dicionario bilingüe, que presenta a tradución das voces dunha lingua a outra; pode tratarse incluso dun dicionario plurilingüe, ao recoller máis de dúas linguas en paralelo. Nos estudios filolóxicos utilízanse o dicionario etimolóxico, que explica a orixe das palabras, e o dicionario histórico, que indica a evolución do seu significado e uso. Para o coñecemento do léxico dunha lingua cómpre destacar, pola súa utilidade, o dicionario de sinónimos e antónimos; o dicionario ideolóxico, que agrupa os vocábulos de acordo a unhas determinadas clasificacións da realidade; o dicionario de autoridades, que recolle citas de autores que avalan o termo definido; o dicionario de construción e réxime, que rexistra as formas en que unha palabra se constrúe nunha lingua; e o dicionario de frecuencia, que rexistra o índice de frecuencia do emprego dunha palabra nunha lingua. O dicionario científico ou técnico recolle as palabras utilizadas nunha ciencia ou arte determinada. Outros dicionarios especializados nun campo específico son o dicionario de fraseoloxía, o dicionario de refráns ou o dicionario da rima que ordena os vocábulos alfabeticamente a partir das súas terminacións. Para resolver os problemas no uso da lingua resulta de utilidade o dicionario de dúbidas, que se ocupa da pronuncia das palabras, da súa ortografía, da gramática, usos incorrectos, etc. De valor semellante, os dicionarios gramaticais inclúen información sobre ortografía, pronuncia, construción ou usos. Tamén reciben o nome de dicionario as recompilacións alfabéticas de distintas materias. É o caso do dicionario biográfico ou do dicionario enciclopédico en que se dispoñen as materias de forma alfabética xunto co léxico común dun idioma. En canto ao modo de ordenar, cómpre mencionar o dicionario inverso, que rexistra os termos dunha lingua en orde alfabética inversa. A falta de normalización da lingua galega fixo que ata o s XVIII non aparecesen os primeiros estudios sobre o seu léxico, da man do padre Sobreira e, sobre todo, de frei Martín Sarmiento. Sarmiento elaborou unha Colección de voces y frases gallegas, un Catálogo de voces y frases de la lengua gallega e o Catálogo de voces vulgares y en especial de voces gallegas de diferentes vegetables, non publicadas ata o s XX. Non presentan a forma dun dicionario, senón que son máis ben un conxunto de comentarios etimolóxicos. Proxectara a elaboración de tres dicionarios galegos: un da lingua medieval, outro da lingua ata o 1500 e un terceiro, da fala viva do momento. Moitos dos seus materiais serviron de fonte para os vindeiros dicionarios galegos. O mesmo aconteceu coas papeletas do padre Xoán Sobreira Salgado (1746-1805), non publicadas ata 1979. Francisco Xavier Rodríguez foi autor do primeiro Dicionario gallego-castellano (1863), onde recolleu unhas 2.500 voces, de varias fontes, moitas veces mal interpretadas. A partir deste, Xoán Cuveiro Piñol elaborou o seu Dicionario gallego (1876), ampliado con voces medievais e do galego occidental. O máis importante do s XIX foi o Dicionario gallego-castellano (1884), de Marcial Valladares Núñez. Depurou as voces que tomou dos anteriores e incluíu exemplos de obras literarias dos autores do momento (Rosalía, V. Turnes, Alberte Camino, etc), así como de cantigas populares e refráns. En 1913 apareceu o primeiro fascículo do Dicionario gallego-castellano da Real Academia Galega (RAG), paralizado en 1928 na palabra cativo e no fascículo 27. Incluíu variantes, arcaísmos e cultismos, coa intención de ser un dicionario histórico e de autoridades. Redactado polo historiador César Vaamonde Lores, apareceu, sen embargo, como obra colectiva. Para suplir a falta doutros dicionarios, X. Filgueira Valverde, L. Tobío, X. M. Magariños e X. Cordal Carús elaboraron o Vocabulario popular galego-castelán (1926), publicado por entregas ata a voz treva. Leandro Carré Alvarellos publicou os dous volumes do Dicionario galego-castelán (1928-1931), reeditado en varias ocasións ata o ano 1979. Seguiu unha corrente enxebrista e tomou numerosas formas portuguesas. Debedor deste foi o Dicionario galego da rima e galego-castelán (1950), de Xosé Ibáñez Fernández, que constituíu o primeiro dicionario específico galego. Eladio Rodríguez González foi autor do primeiro Dicionario enciclopédico gallego-castellano (1958-1961), en tres volumes. Constitúe unha obra monumental dentro dos dicionarios galegos e, por iso, converteuse nunha referencia básica para todos os posteriores. Baseouse nos anteriores e incorporou miles de palabras novas, recollidas polo autor, especialmente do Ribeiro e Ourense, ilustradas con refráns e outro material de moito interese lingüístico e etnográfico. En 1968 apareceu o Dicionario galego-castelán, de Xosé Luís Franco Grande, editado ata oito veces. Desde a publicación das Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego (1982) apareceron os modernos dicionarios galegos, obra de profesionais ao servizo de empresas editoriais ou institucións culturais. De 1986 son o Dicionário da língua galega, de Isaac Alonso Estravís e outros (cunha nova edición en 1995) e o Dicionario da lingua galega, en tres volumes, e o Dicionario práctico da lingua galega (Ir Indo Edicións), coordinados por Xosé G. Feixó Cid. Todos eles recompilan vocábulos recollidos nos dicionarios anteriores e o dicionario de Isaac Alonso Estravís, que segue as tendencias reintegracionistas, recolleu moitas voces portuguesas para completar as lagoas de cultismos e neoloxismos do galego. O Vocabulario ortográfico da lingua galega (VOLGa), redactado por Manuel González e Antón Santamarina, segue a ser un instrumento básico para os modernos dicionarios. Trátase dunha listaxe dunhas 45.000 voces, nunha primeira versión provisional en 1986, e distribuído en edición non venal en 1989 polo Instituto da Lingua Galega (ILG) e a RAG. A partir desa primeira versión elaborouse o Dicionario Xerais da Lingua, de M. C. Ares e outros, pioneiro dos dicionarios monolingües. Cunhas 30.000 entradas, inclúe a etimoloxía das palabras e outras indicacións, como sinónimos ou familias léxicas. O Dicionario da Real Academia Galega apareceu en 1997, dirixido por Manuel González. De vocación normativa, foi publicado conxuntamente pola RAG e o ILG, e ampliou o anterior Dicionario da lingua galega (1990), publicado por ambas as dúas institucións. Na mesma liña normativa situouse o Dicionario normativo galego-castelán, de H. Monteagudo e X. García Cancela. Cunha orientación máis didáctica e destinada, sobre todo, á poboación en idade escolar apareceron o Dicionario Escolar da Lingua Galega (1986), coordinado por Xosé G. Feixó Cid, o Pequeno Dicionario da Lingua Galega (1993), dirixido por Constantino García, o Pequeno Dicionario Xerais da Lingua (1994), o Dicionario da lingua galega (1995), coordinado por Xosé Xove Ferreiro, Vieiro. Dicionario didáctico do galego (1995), de N. Almarza Acedo e outros, e o Dicionario escolar galego (1995), da editorial Galaxia. O Dicionario Cumio da Lingua Galega (1999), dirixido por Xosé G. Feixó Cid, seguiu as escollas normativas e ampliou o número de entradas ata as 44.000, con formas dialectais, xergais e préstamos. Ao mesmo tempo apareceu a versión en CD-ROM, baseada no seu homónimo editado en papel. O Gran Dicionario Xerais da Lingua (2000), redactado polo equipo do Dicionario Xerais da Lingua, contén unhas 95.000 entradas e inclúe case todas as voces do VOLGa, xunto con numerosas formas do mundo científico e técnico e o léxico popular e literario. O ILG, baixo a coordinación de Antón Santamarina, elaborou, en CD-ROM, o Dicionario de dicionarios (2000), que reproduce o contido de once dicionarios históricos galegos, desde o de Francisco X. Rodríguez (1863) ata o Dicionario enciclopédico gallego-castellano de Eladio Rodríguez (1962) e as contribucións posteriores de Aníbal Otero. A segunda edición do Dicionario de dicionarios (2001) incorpora o contido de máis traballos, como o de Elixio Rivas Quintas, o de Constantino García e o de Xosé Santiago Crespo Pozo. Numerosas obras están especializadas nunha determinada parcela do léxico ou en campos terminolóxicos. É o caso do Dicionario Galego de Banca (1993), de A. Carballo e B. Dosil, o Dicionario Galego de Xeografía (1993), de X. M. Fandiño e outros, o Vocabulario de informática Galego-Inglés-Castelán (1994), de J. Gómez Guinovart e A. M. Lorenzo Suárez, o Dicionario de Termos de Arqueoloxía e Prehistoria (1995), de Ana Romero e Felipe Arias, o Dicionario de Termos Económicos e Empresariais: Galego-Castelán-Inglés (1997), coordinado por V. Formoso Gosende, o Dicionario das ciencias da natureza e da saúde (vol I-II, 2000), de Luís Daviña Facal, ou o Dicionario Galego de Termos Médicos (2002), da Real Academia de Medicina e Cirurxía de Galicia. Outros traballos, recolleron o léxico dialectal e xergal, como o Glosario de voces galegas de hoxe (1985), de Constantino García. O primeiro dicionario que presentaba as entradas en castelán e as definicións en galego foi o incompleto Vocabulario castellano-gallego (1907), de Xacinto del Prado, publicado no semanario La Defensa de Lalín, e o Vocabulario castellano-gallego (1933), das Irmandades da Fala, que tivo varias reedicións. O primeiro dicionario completo castelán-galego foi a obra de X. Santiago Crespo Pozo Contribución a un vocabulario castellano-gallego (1963), ampliado a catro volumes na seguinte edición, Nueva contribución a un dicionario castellano-gallego (1972-1985). Para a súa elaboración fixo unha recollida directa e un baleirado dos dicionarios e obras literarias. X. M. Freixedo Tabarés e Fe Álvarez Carracedo foron os creadores do Dicionario de usos castellano gallego (1985). O Dicionario Xerais ca stelán-galego de usos, frases e sinónimos (1990), coordinado por G. Navaza, xa tomou en consideración a norma do galego moderno e achegou información semellante á dun dicionario de uso. Dentro das publicacións de dicionarios bilingües cómpre destacar o Dicionario Práctico Galego-Castelán/Castelán-Galego, coordinado por X. G. Feixó Cid, e o Dicionario Escolar Actualizado Galego-Castelán/Castelán-Galego, de varios autores, editados por Ir Indo Edicións; o Dicionario Esencial Galego-Castelán/Castellano-Gallego, de Vox-Bibliograf; Dicionario Galego-Castelán Castellano-Gallego, de María Álvarez, Carmen González e Beatriz García; Dicionario Cumio Bilingüe, en dous volumes, etc. O catálogo de linguas postas en paralelo co galego ampliouse con obras como o Dicionário galego-português (1979) e o Dicionário português-galego (1985), de W. Angel de Melo, o Vocabulario de las lenguas ibéricas (Castellano, Català, Euskara, Galego, Português) (1982), de Mariña Regueiro e outros, o Vocabulario Temático Ilustrado (1992), de E. López Varela e outros, ou o Dicionario trilingüe. Español-galego-portugués (1994), de J. Cameselle Villar. As mesmas linguas son as que apareceron no Dicionario Trilingüe (1999), de Ir Indo Edicións, con 40.000 entradas. J. Carracedo Fraga foi autor do primeiro Dicionario latín-galego (1999), de tipo básico, e B. Fernández Salgado do Dicionario elemental inglés-galego galego-inglés (1999). O Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades publicou un Dicionario Italiano-Galego (2000), dirixido por Isabel González. Para completar a información dos dicionarios de lingua apareceron obras específicas, como o Dicionario Xerais de sinónimos, termos afíns e contrarios (1995), de Luís Castro Macía, e o Dicionario de sinónimos da lingua galega (1997), coordinado por María Camiño Noia, X. María Clemente e Pedro Benavente. Os criterios do VOLGa inspiraron o Dicionario de dúbidas da lingua galega (1991), de B. Fernández Salgado, o Dicionario crítico de dúbidas e erros (1993), de R. Chacón e M. Rodríguez, e o Dicionario de Uso para a Comunicación (1999), de Paulino Novo. Co mesmo criterio xurdiron o Dicionario de Ortografía da Lingua (1996), de B. Dosil, e o Dicionario dos Verbos Galegos (1993), de Ramón Nicolás. Manuel Quintáns dirixiu o Dicionario conceptual galego (1997), oito volumes en que reúne un dicionario tradicional, outro conceptual, dicionario xeográfico-cultural, de frases e refráns e un dicionario de informática. Outras obras específicas son o Dicionario Fraseolóxico Galego (2000), do Colectivo Manuel Leiras Pulpeiro, e o Dicionario de refráns (2001), de Germán Conde Tarrío. No campo da onomástica existen o Dicionario dos nomes galegos (1992) e O teu nome (1994), dirixidos por X. Ferro Ruibal. O único dicionario dedicado exclusivamente á etimoloxía do léxico galego é Beitrage zum etymologischen Wörterbuch des Galizischen (1965-1978), de Sigrid Buschmann, paralizado no f. De todos os xeitos, existen referencias ao galego en dicionarios casteláns e portugueses. No terreo dos estudios literarios, xa Manuel Murguía publicou un Dicionario de escritores gallegos (1862), antecedente do Dicionario bio-bibliográfico de escritores (1951-1953), de A. Couceiro Freijomil, e do Dicionario de Escritores en Lingua Galega (1990), de F. Fernández del Riego. Dolores Vilavedra dirixiu o Dicionario da literatura galega, en tres volumes (1995, 1997, 2000), dedicados a autores, publicacións periódicas e obras, respectivamente. Outras mostras son o Dicionario de termos literarios (1998), do equipo Glifo, e o Dicionario do teatro galego (1671-1985) (1987), de Manuel Lourenzo e F. Pillado Mayor. En 1999, Ir Indo Edicións comezou a publicar a Enciclopedia Galega Universal, en 16 volumes, con 200.000 entradas ordenadas alfabeticamente, tanto de materias coma de lingua, polo que constituíu o primeiro dicionario verdadeiramente enciclopédico en galego. En 2004 o Dicionario de galego na normativa oficial con máis de 65.000 entradas. En 2008 ese mismo dicionario, ampliado con etimoloxías, equivalencias en portugués, castelán, inglés e alemán; con sinónimos, antónimos e variantes e conxugacións de verbos pódese consultar dende Internet na web www.digalego.com.