Dickinson, Emily Elizabeth
Poetisa estadounidense. Estudiou na Amherst Academy e no Mount Holyoke Female Seminary. Cara aos trinta anos, o seu desinterese polo mundo exterior levouna a recluírse na casa paterna e a limitar os seus contactos, aínda que mantivo múltiples relacións persoais e literarias a través dunha correspondencia regular. A súa obra trata diferentes temas coma o amor, a natureza, a relixión, a moral, a preocupación pola vocación literaria, a fama, a morte ou a inmortalidade, a través de imaxes que reflicten con frecuencia un intenso conflito interior. Tivo unha grande influencia na poesía do s XX e a maior parte das súas composicións son curtos poemas líricos formados por dous cuartetos, que introducen unha expresión innovadora baseada nunha sintaxe complexa orixinal e, ás veces, agramatical, con versos sen rima, rupturas métricas, metáforas non convencionais ou xuízos aforísticos. Dos poemas que se lle atribúen, só se publicaron en vida sete. A primeira compilación póstuma foi editada por T. W. Higginson e M. L. Todd en 1890 e 1891, que modificaron boa parte das súas innovacións para axustarse aos gustos do público. Seguidamente, apareceron as compilacións de M. Dickinson Bianchi e A. L. Hampson (1914-1937), e Bolts of Melody: New Poems of Emily Dickinson (1945), de M. L. Todd e M. Todd Bingham. A edición de T. H. Johnson, The Poems of Emily Dickinson (1955), que restaurou as opcións estilísticas orixinais, considérase a definitiva. A súa correspondencia foi recollida en The Letters of Emily Dickinson (1958), a cargo de Johnson e T. Ward.
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Amherst, Massachusetts -
Deceso