Diego Cendoya, Gerardo
Poeta, crítico e musicólogo. Estudiou Filosofía e Letras na Universidade de Deusto, Salamanca e Madrid, onde se doutorou en 1920. Catedrático de Lingua e Literatura, exerceu a docencia nos institutos de Soria, Gijón, Santander e Madrid. Foi un dos representantes da Xeración do 27 e experimentou coa poesía ultraísta e creacionista. En Madrid incorporouse ao movemento ultraísta e escribiu nas revistas Grecia e Ultra e fundou e dirixiu Carmen. Posteriormente adheriuse ao creacionismo, estilo no que amosa o dominio das metáforas e imaxes. Defensor da liberdade creadora, innovador e vangardista, nas súas composicións acada un gran dominio da metáfora e dos recursos técnicos da versificación, cultivou así mesmo unha poesía tradicional, reflectiu a súa vocación musical (Preludio, aria y coda a Gabriel Fauré, 1967) e a súa paixón polos touros (La suerte o la muerte, 1963; El cordobés dilucidado, 1966). Da súa produción destacan El romancero de la novia (1918) Imagen (1922), Soria (1923), Manual de Espumas (1924), Versos humanos (1925), Fábula de Equis y Zeda (1926-1929), Via crucis (1931), Ángeles de Compostela (1940), Alondra de verdad (1941), Amor solo (1951), Paisaje con figuras (Premio Nacional de Literatura, 1956), La suerte o la muerte (1963), Poesía amorosa (1965), Cementerio civil (1972), Palma de mano abierta (1973), Carmen Jubilar (1975) o Soria sucedida (1977), Biografía incompleta (1925-1952), Poemas mayores e Poemas menores (1980) e Antología de la Poesía española Contemporánea (1932, aumentada no 1934). Postumamente, editouse Obras completas. Poesía I-II (1989), dous volumes da obra poética completa que el mesmo preparara antes de morrer. En 1925 compartiu con Alberti o Premio Nacional de Literatura por Versos Humanos, en 1947 ingresou na Real Academia Española e en 1979 concedéronlle o Premio Cervantes, que compartiu con J. L. Borges.
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Santander -
Deceso
Lugar : Madrid