Dientzenhofer

Dientzenhofer

Familia de arquitectos alemáns que traballaron na Baixa Baviera e en Bohemia. Georg Dientzenhofer (Aibling 11.8.1643 - Waldsassen 2.2.1689) construíu, entre outras, a igrexa da abadía cisterciense de Waldsassen e a igrexa de Kappel. O seu irmán Johann Leonhard Dientzenhofer (Sankt Margarethen 20.2.1660 - Bamberg 26.11.1707) proxectou en Bamberg a igrexa e o convento de San Miguel e o palacio Neue Residenz. Johann Dientzenhofer (Sankt Margarethen 25.5.1663 - Bamberg 20.7.1726), irmán dos anteriores, construíu a catedral de Fulda e a igrexa conventual de Banz e o castelo de Pommersfelden en colaboración con Hildebrandt. O seu irmán, Christoph Dientzenhofer (Sankt Margarethen 7.7.1655 - Praga 20.6.1722) realizou a igrexa do convento de Oborisce e das clarisas de Cheb, e comezou a igrexa de San Nicolao de Praga, que acabou o seu fillo, Kilian-Ignaz Dientzenhofer (Praga 1.9.1689 - 18.12.1751). Discípulo de Hildebrandt, realizou entre outras, as igrexas de San Tomé e San Nicolao en Praga, e o mosteiro de Wahlstatt en Silesia.