diesel

diesel

(< antropónimo Rudolf Diesel)

  1. adx e s m [TECNOL]

    Aplícase ao motor de combustión interna no que o combustible se inxecta á cámara de combustión, onde hai aire que está comprimido polo pistón. A compresión aumenta a temperatura do aire ata uns 900°C, polo que o combustible, que entra vaporizado mediante a inxección, se inflama espontaneamente. Os motores diesel poden funcionar con ciclos de dous tempos e de catro, idénticos aos dos motores acendidos por chispazo. Nun motor con inxección directa, o combustible inxéctase dentro do cilindro, no que a parte superior do pistón constitúe unha cámara de combustión. A boquilla de inxección debe estar preparada para espallar gotas de combustible a toda a cámara de combustión. Noutros motores, esta mestura está asegurada por unha cavidade de forma especial: a cámara de turbulencia. O alto grao de compresión ao que funcionan (15¸20:1) convérteos nos motores endotérmicos de rendemento termodinámico máis alto. A súa robustez e o seu funcionamento económico fanos moi aptos como propulsores de camións, automóbiles, ferrocarrís e barcos, e tamén en instalacións fixas para producir enerxía eléctrica. A primeira instalación dun motor diesel nun barco tivo lugar en 1910, e en 1922 aplicouse en Alemaña na industria da automoción. Empregouse durante a Segunda Guerra Mundial, xeneralizouse posteriormente na maquinaria pesada, nos transportes ferroviarios, nos autocares, nos tractores ou nos automóbiles.

  2. adx e s m

    Que ten motor diesel, especialmente referido a un vehículo.

    Ex: Comprou un diesel aínda que lle saíu un pouco máis caro.

  3. s m [TRANSP]

    Carburante empregado para a combustión nos vehículos de motor diesel.

    Ex: Botou dez euros de diesel.