Dieste Gonçalves, Rafael
Escritor. Foi o sétimo fillo do matrimonio formado pola uruguaia de orixe brasileira Olegaria Gonçalves Silveira e o padronés Eladio Dieste Muriel, e recibiu no bautismo os nomes de Rafael, Francisco, Antonio, Olegario e Xoán. A familia regresara da emigración en Uruguay en 1888 e logo dunha estadía en Pontevedra entre 1888 e 1893, instalouse en Rianxo, onde o seu pai desempeñou o cargo de xuíz municipal. Rafael Dieste recibiu a súa formación inicial de mans do seu pai, quen lle ensinou as primeiras letras e francés, para asistir despois a varias escolas locais. Recibiu tamén instrucción de seus irmáns maiores: da súa irmá Olegaria as clases de piano, unha afección que o acompañará toda a vida, e de Eduardo, daquela xa escritor, o interese pola literatura, ao tempo que co seu amigo Castelao comezou a realizar os seus primeiros debuxos. Outras coordenadas da súa aprendizaxe están nos parladoiros aos que asistía co seu pai, no coñecemento dos vellos mariñeiros da súa vila e, sobre todo, nunha das súas afeccións primeiras, o teatro de monicreques, que ocupaba algúns dos seráns da súa infancia. Outras formas teatrais virían da man de Castelao e do seu irmán Eduardo, que montaran nos baixos da casa familiar un escenario. En 1914 comezou a cursar por libre as primeiras materias de maxisterio na Escola Normal de Santiago de Compostela. Nestes anos consolidou a súa amizade con Manuel Antonio, co que acudía a se examinar Roxelio Pérez González (Roxerius), Sixto Aguirre e Manuel Rodríguez Castelao. No 1917, tras unha etapa de dúbidas respecto da súa vocación, decidiu emigrar a Tampico (México), onde permaneceu na casa de seu irmán Antonio durante case un ano, traballando de dependente no comercio que aquel rexentaba, ata que a grave doenza do seu pai provocou o seu regreso a Galicia despois de conseguir o importe do billete gracias a un premio literario que acadou pola escrita de catro relatos. Trala complicación que sufriu na viaxe, xa que o barco no que viaxaba permaneceu en corentena en La Habana por mor dunha epidemia de gripe, chegou a Rianxo, ingresou de novo na Escola Normal de Santiago e asistiu o seu pai nos últimos meses de vida, que morreu o 26 de setembro de 1919. Neste mesmo ano, á vez que publicou os seus primeiros relatos no diario de Vilagarcía Galicia Nueva, formou na súa vila natal unha especie de ateneo xuvenil cun grupo de amigos no que debatían as posibilidades de futuro do país e a participación activa neste sentido. Das reunións que celebraban no chamado cuarto do medio da súa casa, lembrará Dieste anos despois, as lecturas conxuntas de Maupassant, Zola ou Nietzsche, que dan conta dun marcado autodidactismo do grupo, os experimentos teatrais ou a ordenación do que sería o poemario de Manuel Antonio De catro a catro. Logo de rematar a carreira, sufriu de novo unha crise existencial, xa que cando case tiña decidido preparar as oposicións a maxisterio superior desbotou tanto esta opción como a de traballar como mestre. En 1921 comezou o servicio militar en Santiago de Compostela con cota de exención parcial e aproveitou para ampliar o seu círculo de amizades e poñer en marcha, coa colaboración de Marcial Rodríguez Cebral, un número da revista Cuentos Nuevos, na que Dieste incluíu os contos en castelán “El poeta sacrílego” e “El mago encorvado”, dedicados ao seu irmán Eduardo. Estes contos viron a luz en marzo de 1922 cando Dieste xa se atopaba, a consecuencia da Guerra do Rif, destinado na fronte de Dar Drius, na que pasou dous anos e onde coincidiu con Otero Espasandín, Xesús Romero Suárez e Xosé Mª Brea Segade. Froito da colaboración con estes naceu, no fortín de Drius, a revista mecanografada Charamuscas. Xa licenciado, en 1923, comezou un período de intensa actividade no que agromou definitivamente a súa vocación literaria. Dan man de Carlos Maside iniciouse no xornalismo e dirixiuse a Vigo a pedirlle traballo a Valentín Paz Andrade, quen lle ofreceu un posto de redactor no xornal Galicia, ao que se incorporou en decembro de 1924 e no que axiña comezou a asinar traballos de creación na separata dos “Domingos Literarios”, entre os que se contan os seus primeiros relatos en galego, “En col da morte do Bieito” e “A luz en silenzo”. En abril de 1925 abandonou a redacción do xornal co propósito de procurar un novo rumbo profesional máis seguro economicamente e menos vixiado pola dictadura de Primo de Rivera. Marchou entón a Madrid para se inscribir nas oposicións ao corpo de estatística, nas que superou a primeira proba pero non a segunda. O regreso a Rianxo produciuse en decembro de 1925. Os seus amigos Carlos Maside e Amado Villar convencérono para que se incorporase á redacción de El Pueblo Gallego, órgano de ideas liberais mesturadas cun galeguismo progresista, federalista e non excluínte, que dirixía Manuel Portela Valladares, e no que comezou a traballar en decembro de 1925. Alí publicou artigos sobre temática moi diversa, nas columnas “Reflejos”, en castelán, e “Temas gallegos”, en galego, e varios relatos, algúns dos que formarán parte posteriormente de Dos arquivos do trasno, volume que publica en 1926 tirándoo do prelo do xornal e pagándoo de seu soldo. Este libro estrea unha voz e un xeito novo de facer literatura, dándolle ao xénero do conto un avance decisivo. A crítica saudouno con eloxios unánimes e este feito serviulle para acadar os azos necesarios no seu compromiso coa escrita. É o tempo no que Maside lle axuda a abrir os ollos á última arte de París e dun breve paso, no mes de setembro, por un colexio privado de Ribeira que dirixía Otero Espasandín. Esta mestura de arte e didactismo agromaron na peza teatral A fiestra valdeira (1927), que escribiu recluído en Rianxo. O seu labor xornalístico, que retomou en xaneiro de 1927 de novo na redacción de El Pueblo Gallego, a publicación de Dos arquivos e de A fiestra, e a súa participación en debates e parladoiros, primeiro en Vigo e despois no Café Español de Santiago de Compostela, fan que sexa coñecido e respectado tanto nos medios literarios coma nos populares. Coa lectura da peza teatral na Sociedade Económica de Amigos do País en Compostela o 21 de xaneiro de 1927, logrou o seu ingreso na sección de Arte e Letras do Seminario de Estudos Galegos, dirixida entón por Castelao, e afastouse do xornalismo. Culminada xa a xeira do xornalismo vigués, o 20 de febreiro de 1928 embarcou na cidade olívica rumbo a Londres para pasar unha tempada co seu irmán Eduardo. De regreso, recalou uns meses en París, onde se dedicou a escribir, en galego, unha primeira versión de Viaje y fin de Don Frontán, aínda que, ante a insatisfacción que lle produciu o resultado final, o texto acabou nas augas do Sena. Volveu despois a Rianxo e a Santiago de Compostela sempre co ánimo de seguir coa súa formación autodidacta. Co seu amigo musicólogo Xesús Bal y Gal depurou a súa técnica pianística e leu os franceses Larbaud, Garnier, Gide, Fournier, Claudel, ao tempo que profundou en Ortega y Gasset, M. de Unamuno, Antonio Machado e Juan Ramón Jiménez. En 1930 apareceu a versión definitiva de Viaje y fin de Don Frontán, nunha edición ao coidado de Luís Seoane e Arturo Cuadrado, con capa de Maside e no selo compostelán Niké. Instalouse en Madrid en abril de 1931, no momento da proclamación da República, que apoiou co Manifesto dirigido a la Opinión Pública publicado en La Tierra e asinado xunto a Arturo Souto, Moreno Villa, Ranau, Luna e outros. Nesta estadía madrileña coincidiu co seu irmán Eduardo, novo cónsul do Uruguay en Madrid e con él consolidou as súas amizades a través da súa asistencia aos parladoiros de La Granja del Henar, xunto con Arturo Souto, Fernández Granell ou Alberto Fernández, e o do Café das Flores, onde compartía conversa con Fernández Mazas, Montero Díaz e Carlos Gurméndez. O libro, Buscón poeta y su teatro,reuniu a todo o grupo, e nel Rafael Dieste incluíu algúns poemas. A aparición deste volume coincidiu co momento do seu compromiso coas Misións Pedagóxicas, unha experiencia que comandaba Manuel Bartolomé Cossío e que tiña como obxecto levar a cultura aos puntos máis recónditos de España. O recrutamento fíxose entre intelectuais e escritores novos e Dieste encargouse de crear e dirixir o Teatro Guiñol das Misións, para o que adaptou e escribiu numerosas farsas. Mentres, escribía os poemas de Rojo farol amante (1933), un volume custeado polo seu irmán Eduardo e producto das viaxes por Castela e Euskadi e no que reflicte tamén a nostalxia pola súa terra. O ano 1934 comezou coa publicación de Quebranto de Doña Luparia y otras farsas, que compila catro das comedias escritas para as Misións, e culminou co seu matrimonio civil o 3 de setembro con Carmen Muñoz Manzano. Obtivo unha bolsa da Xunta de Ampliación de Estudios para a investigación de novas técnicas teatrais en Francia, Bélxica, Holanda e Italia, e a súa muller, como inspectora de ensino primario, outra. O matrimonio emprendeu unha longa viaxe en 1935 que os levou a residir primeiro en Bruxelas, onde examinaron o método Stanislavski e onde Dieste comezou a enviar as súas colaboracións para a revista P.A.N., auspiciada en Madrid por Eduardo Dieste e dirixida por Otero Espasandín. No número sétimo e último viu a luz o ensaio dialogado Revelación y Rebelión del Teatro, no que afonda na obra do teórico da nova dramaturxia Gordon Craig. Na súa estancia en Anveres escribiu a comedia para cine Promesa del viejo y la doncella, e en París participou no I Congreso Internacional de Escritores e escribiu un Breviario de estética teatral, manuscrito que se perdeu no transcurso da guerra. No verán do 1936 os Dieste chegaron de novo a Madrid, no momento en que estalou a guerra. Semanas antes Rafael Dieste participara con García Lorca e Ramón J. Sender nunha xuntanza convocada por Rafael Alberti e José Bergamín para crear a sección española da Alianza de Escritores Antifascistas, movemento que o designara director do Teatro Español de Madrid, para o que montou a peza Al amanecer, estreada o 18 de outubro de 1936, ademais doutras de Alberti e Sender. No momento no que se intensificaron os bombardeos suspendéronse as funcións e os Dieste trasladáronse entón a València, onde Rafael Dieste colaborou, cun poema, na revista El Buque Rojo. Pero o grande esforzo desta etapa foi a posta en marcha da revista Hora de España, que apareceu en xaneiro de 1937 e na que colaboraron, entre outros, A. Sánchez Barbudo, Juan Gil-Albert, Ramón Gaya e Manuel Altolaguirre. Nesta revista, o escritor publicou varios traballos, entre eles Nuevo retablo de las maravillas, unha alegoría sobre a guerra. Ademais, participou no II Congreso Internacional de Escritores, experiencia que lle ocasionou unha decepción ao ser o seu nome omitido do relatorio colectivo e a súa comunicación individual sobre Galicia excluída. En outubro de 1937 os Dieste marcharon a Barcelona, onde Castelao lle ofrece que o substituíse á fronte da dirección da revista antifascista Nova Galiza, na que ademais de obter o sustento económico desa época, publicou narrativa, ensaio e teatro. Ao longo do ano 1938 editouse o guión cinematográfico escrito por Rafael e polo seu irmán Eduardo da comedia Promesa del Viejo y la Doncella,e pouco despois Rafael decidiu a súa incorporación á fronte do Leste para compartir con Sánchez Barbudo a redacción de El Combatiente del Este. En 1939, coa caída de Barcelona, Rafael foi conducido, xunto con case todos os integrantes do grupo de Hora de España, ao campo de concentración de Saint-Cyprien e en xullo dese ano, acompañado da súa dona, chegou a Bos Aires, cidade na que residiron nunha primeira etapa ata finais de 1948. O encargo de traducir a Saint-Exupéry para unha editorial sudamericana foi a súa primeira ocupación, e logo conseguiu, gracias a Maruxa Mallo, unha entrevista con Constancio C. Vigil, dono da editorial Atlántida, que lles proporcionou traballo a el e a súa esposa. Neste tempo Dieste rachou todo o que escribiu e ocupou o seu tempo en conseguilles traballo a amigos tamén exiliados, como Otero Espasandín, para quen creou unha colección de libros divulgativos. Luís Seoane ocupouse de que chegase ás librerías a segunda edición de Rojo farol amante e a traducción ao castelán de De catro a catro. En 1941 publicou Colmeiro. Breve discurso acerca de pintura con el ejemplo de un pintor e, a finais de 1942, xurdiron as Historias e invenciones de Félix Muriel (1943), lembranzas da súa infancia en Rianxo ilustradas por Seoane, que se converteron nun éxito editorial na Arxentina. Iniciou entón un tempo de silencio no que influíu a morte da súa nai, a angustia acumulada polos acontecementos da Segunda Guerra Mundial. Nos seus escritos desta época verteu toda a súa decepción ante o home e o seu desacougo ante o mundo. Destes escritos rescatou as páxinas que conformaron Luchas con el desconfiado (1948), nos que se inclúen os ensaios “Sobre la libertad” e “El alma y el espejo”, e do resto dese material saíron Diálogo de Manuel y David (1965) e Tablas para un naufragio. En 1948 deixou a editorial Atlántida e, gracias ao Museo Nacional de Artes Plásticas de Montevideo, conseguiu o financiamento dunha viaxe a Europa coa misión de asesorar a adquisición de pintura contemporánea. Os Dieste emprenderon, pois, en decembro de 1948 unha viaxe que os levou a Anveres, Bruxelas, Italia e París, onde trabaron amizade con escritores e hispanistas como Roger Callois, Marcel Bataillon, Jean Cassou ou Jean Camp. Viaxaron despois a Londres e visitaron Oxford e Cambridge, onde o director de español da Universidade, J. B. Trend, impresionado pola altura intelectual de Dieste, lle ofreceu o lectorado de español, labor que desempeñou entre 1950 e 1952, anos nos que realizou intensas investigacións matemáticas aproveitando os fondos da Universidade de Cambridge. Unha vez rematado o seu traballo de lector, aceptou o traballo de profesor de lingua e historia de literatura española no Instituto Tecnolóxico de Monterrei, labor que desenvolveu entre 1952 e 1954, anos nos que sentou as bases de toda unha teoría xeométrica recollida en 1955 en Nuevo tratado del paralelismo, que condensa a demostración dun novo teorema. O único froito literario desta época foi Pequeña clave ortográfica, un libro instrumental que escribiu por encargo do Instituto Tecnolóxico para os centros de ensino bonaerenses e que foi repartido en edición ciclostilada ata a súa impresión como libro en 1956. En decembro de 1954 regresaron os Dieste a Bos Aires para se atopar con vellos amigos como Luís Seoane, Lorenzo Varela, Antonio Baltar e Isaac Díaz Pardo, e reanudar o traballo na editorial Atlántida. Foi o inicio da segunda etapa bonaerense que se prolongou ata 1961. Durante o ano 1956 participou activamente na fundación da AGUEA (Agrupación Galega de Universitarios, Escritores e Artistas), presidida por Antonio Baltar e, por encargo desta asociación, e por espacio de varios anos, dedicouse a impartir cursos de lingua galega, conferencias e seminarios aos que se uniu, en 1957, un curso sobre comedia española do Século de Ouro na Universidad de la Plata. O regreso definitivo do exilio produciuse finalmente en agosto de 1961 e estableceuse en Rianxo. Nunha visita a Vigo, Dieste corrixiu e pasou a limpo os contos que a súa muller e el previamente rescataran dos tomos da colección de El Pueblo Gallego, un total de seis relatos aos que lles engadiu outros tantos procedentes de A fiestra e de encargos realizados no exilio, e con eles ampliou a vinte o número de relatos que apareceron na segunda edición de Dos arquivos do trasno, publicada por Galaxia en 1962. A mediados dos sesenta, os Dieste trasladáronse á Coruña, momento que coincidiu co retorno de Seoane e coa fundación por este e Díaz Pardo do Laboratorio de Formas de Galicia, cerna de empresas como Ediciós do Castro ou o Museo Carlos Maside, das que Dieste foi un colaborador esencial. En 1965 apareceu Diálogo de Manuel y David, en edición de autor, que ademais do ensaio que lle dá título contén “La paloma equis” e “Variaciones de Zenón de Elea”, reflexións sobre o mundo sensible ou a imposibilidade do movemento. Tamén correu do seu peto a edición de ¿Qué es un axioma? (1967). En 1967 foi elixido por unanimidade como membro da Real Academia Galega. A súa primeira intervención en público produciuse na presentación dunha mostra de pinturas de Souto, unha conferencia clandestina, e na lectura do seu discurso de ingreso na RAG o 18 de abril de 1970, A vontade de estilo na fala popular, editado en 1971 por Ediciós do Castro coa resposta de Domingo García-Sabell. Aos 70 anos emprendeu a terceira edición de Dos arquivos do trasno, a reedición en Alianza Editorial de Historias e invenciones de Félix Muriel (1974) e a publicación de Testamento geométrico (1975), condensación de todo o seu pensamento xeométrico, dado a coñecer xa nun momento de recruamento da súa saúde. En 1977 foi operado dunha retinopatía que lle produciu graves problemas de visión que lle impediron ler e escribir. Daquela, o seu amigo Gabriel Zaid acompañouno a Barcelona a xestionar con Manuel Alvar a publicación en dous tomos do seu teatro completo, proxecto que culminou en 1981 cando viron a luz Teatro I e Teatro II, que recolle textos teóricos, como Revelación y rebelión del teatro e as pezas para fantoches, e, nese mesmo ano, o libro de ensaios El alma y el espejo, unha nova edición de A fiestra, e o volume Antre a terra e o ceo, a compilación dos seus artigos xornalísticos dos anos vinte. Postumamente viron a luz cinco libros máis, algúns deles con textos inéditos: Testimonios y homenajes (1983), en edición de Manuel Aznar Soler; La isla. Tablas de un naufragio (1985); Encontros e vieiros. Once charlas sobre plástica, teatro e literatura (1990), en edición de Arturo Casas; Fragua íntima. Aforismos (1926-1975) (1991), tamén editado por Arturo Casas; e Guerra literaria (1991), en edición de Claudio Rodríguez Fer, que recolle a obra galega e castelán do autor escrita durante a Guerra Civil. No xénero dramático é un dos máis senlleiros autores que escriben en galego no primeiro tercio do s XX, aínda que a súa actividade non se limitou á escrita; de feito, participou a partir do ano 1933 nas Misións Pedagóxicas. Un dos autores que máis renovou no panorama dramático de Galicia, no ano 1926 publicou o seu primeiro texto dramático, O drama do cabalo de axedrez, inserido como un conto máis dentro do seu libro de relatos Dos arquivos do trasno. A peza Viaje y fin de Don Frontán foi representada tamén polo Centro Dramático Galego no ano 1995. A súa traxectoria no teatro español foi tan importante como pouco coñecida e valorada. Co Teatro de Fantoches das Misións Pedagóxicas, visitou as vilas de Xinzo de Limia, Allariz, O Carballiño, Maside, Lalín, Silleda, A Estrada, Rianxo, Boiro, Noia, Outes, Muros, Serres, O Pindo, Corcubión, Cee, Fisterra, Carballo, Malpica, Betanzos, Vilalba, Ribadeo, Fonsagrada, Baralla, Becerreá, A Mezquita, Queiruga e O Barco de Valdeorras. Con el viaxou un equipo cheo de entrega e capacidade creativa que desenvolveu unha intensa actividade durante o período que vai de 1933 a 1936. En diferentes períodos, participarán no grupo María Zambrano, Antonio Sánchez Barbudo, Ramón Gaya (colaborador de La Barraca), Eduardo Vicente, Enrique Azcoaga, Lorenzo Varela, Arturo Serrano Plaja, Luís Cernuda, Javier Farias, Urbano Lugrís (que traballara con Salvador Bartolocci), Miguel Prieto (fundador do Guiñol Octubre, que en 1937 pasará a denominarse La Tarumba), José Otero Espasandín, Cándido Fernández Mazas, Antonio Ramos Varela e Carmen Muñoz. Nos períodos de inactividade misioneira Dieste impulsou outros proxectos teatrais. En 1934, Lorenzo Varela, Arturo Souto, Eugenio Fernández Granell e o propio Dieste crearon un novo grupo de teatro; iniciaron os ensaios, nun local cedido por Luís Torres Pintueles, dunha peza de Eugene O’Neill que non se chegou a estrear. En outubro de 1934 principiaron unha viaxe de traballo que se prolongará ata setembro de 1935 e que lles permitiu visionar os máis variados espectáculos teatrais, desde os de monicreques, con toda a súa diversidade formal e técnica, ás grandes compañías da época, como o Teatro da Arte de Moscova. En París coñeceron os traballos escénicos de Gaston Baty, Louis Jouvet e George Dullín; desprazáronse a Aix-en-Provence para visitar o local de traballo do grupo Les Quinze, herdeiros de Jacques Copeau. Ao remate de 1935 a parella viaxou a Rianxo, onde participou na posta en escena de A fiestra valdeira. Tras esta experiencia regresaron a Madrid e retornaron ao traballo coas Misións, interrompido trala proclamación do réxime anticonstitucional de Burgos. Dieste, membro da Alianza de Intelectuais Antifascistas e persoa coherente e comprometida cos seus propios ideais, participou activamente na organización da resistencia. En outubro de 1936 foi nomeado director do Teatro Español, no que creou o grupo Nueva Escena, e no que participaron actrices e actores en paro. En outubro de 1936 representaron La llave, de Raul J. Sender, Los salvadores de España, de Rafael Alberti e Al amanecer, do propio Dieste, pero a vida desta compañía foi efémera debido ás adversas circunstancias, fundamentalmente por mor dos bombardeos, o asedio e as dificultades de transporte. Mesmo nestes momentos nos que a consigna era realizar un teatro de carácter político, un teatro de urxencia, Dieste fai fincapé unha vez máis na necesidade de manter o compromiso ético coa causa republicana, sen renunciar á esixencia de promover unha creación teatral de calidade, nunca limitada á simple defensa dunha consigna ou dunha ideoloxía, nin ao panfleto. Entre os seus textos cómpre salientar ademais, Marionetas en batalla: El moro leal (1937), Al amanecer, comedia en un acto (1938) e Viaje, duelo y perdición -tragedia, humorada y comedia, que contén Viaje y fin de don Frontán, tragedia, Duelo de máscaras, humorada e La perdición de doña Luparia, comedia (1945). Exiliado en Bos Aires, iniciou un progresivo afastamento da práctica teatral, limitándose a revisar, reelaborar e editar vellos textos, escribir breves tratados teóricos e dar conferencias nas que, de cando en vez, asomaba a literatura dramática e a realización teatral. A distancia que mantivo co movemento teatral galego presente na capital arxentina non debe sorprender. As súas prácticas escénicas seguían ancoradas no realismo costumista. O choque estético e cultural tivo que ser forte de máis para un home que xa denunciara o excesivo folclorismo da producción teatral que se facía en Galicia nos anos vinte. As súas reflexións teatrais, de tan grande interese na historia da teoría teatral española, apareceron recollidas en diferentes traballos, como La vieja piel del Mundo (1936) ou Tratado mínimo del arte de la escena (1944). Nestes e noutros traballos, así como en conferencias e entrevistas espalladas en xornais e revistas desta e da outra beira do Atlántico, deixa constancia das súas inquietudes teatrais propias de disciplinas teatrais como interpretación, dirección escénica ou teoría xeral do teatro. Reflexións nas que mostra un amplo coñecemento da arte teatral, particularmente da obra dos directores que máis influencia van ter na renovación escénica que se produce no primeiro tercio do s XX: Edward Gordon Graig e Konstantin Stanislavskij. Outro traballo fundamental para afondar na traxectoria dramático-teatral de Rafael Dieste é Algunhas das miñas experiencias teatrais (1981), conferencia promovida pola Aula de Teatro da Universidade de Santiago e pronunciada na Galería Sargadelos. Dieste pasou revista á súa biografía teatral, relatando vivencias e experiencias significativas nas que salientan aspectos de interese como a xénese e o desenvolvemento do xogo dramático, unha moi breve reflexión respecto do seu traballo como director de escena, e algunhas acertadas consideracións respecto do traballo do actor sobre o seu personaxe; analízanse tamén os trazos distintivos da expresión e a comunicación teatral, presentando cuestións que constitúen o eixe das modernas liñas de investigación respecto da recepción teatral ou sobre a concepción da comunicación teatral como un acto litúrxico, baseado na liberdade interior dun actor que Dieste ve como oficiante. En 1995 dedicóuselle o Día das Letras Galegas.
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Rianxo -
Deceso
Lugar : Santiago de Compostela