Diez, Friedrich Christian

Diez, Friedrich Christian

Filólogo alemán. Foi profesor na Universidade de Bonn e, seguindo o seu maxisterio e a súa obra, formouse toda unha xeración de docentes que, na segunda metade do s XIX, ocuparon as cátedras das universidades alemanas. Fundador da filoloxía románica, foi tamén o mestre dos iniciadores desa disciplina en Francia, como Gaston Paris. Formado nos estudios clásicos da man de F. G. Welcker, a influencia do romanticismo levouno a interesarse polas antigas literaturas románicas. Comezou polo estudo dos antigos romances casteláns, algúns dos que traduciu ao alemán (Altspanische Romanzen übersetz, Romances do español antigo traducidos, 1818), pero, tras unha visita a Goethe en 1818, e por recomendación deste, dirixiu a súa atención cara á poesía trobadoresca. Froito deste novo interese son as obras Über die Minnehöfe (Sobre as cortes de amor, 1825), Die Poesie der Troubadours (A poesía dos trobadores, 1826) e Leben und Werke der Troubadours (Vida e obra dos trobadores, 1829), coas que inaugurou a historiografía da literatura románica medieval. Posteriormente, centrouse nos estudios de carácter lingüístico. Con Grammatik der romanischen Sprachen (Gramática das linguas románicas, vol I, 1836; II, 1838; III, 1843), iniciou unha nova disciplina: a lingüística románica. Aplicando por primeira vez conxuntamente o método histórico de J. Grimm e o comparativo de F. Bopp ao estudo das linguas románicas, Diez demostrou de xeito sistemático que estas son o resultado da evolución do latín vulgar sen etapas romances intermedias (posición na que F. Raynouard situaba o provenzal) e negou a influencia determinante das invasións bárbaras na súa formación. A diferenza de J. Grimm, Diez opera de xeito dedutivo, desde o latín ás linguas románicas. Á luz do método histórico-comparativo escribiu o primeiro dicionario etimolóxico de toda a área románica, o Etymologisches Wörterbuch der romanischen Sprachen (Dicionario etimolóxico das linguas románicas, 1853), no que aspiraba a reflectir os aspectos unitarios do léxico románico. Tamén foi autor de Altromanische Glossar (Glosario do románico antigo, 1865) e de Romanische Wortschöpfung (A creación léxica románica, 1875), obra na que se propón reorganizar o vocabulario fundamental das linguas románicas en clases conceptuais, polo que constitúe o primeiro exemplo de investigación onomasiolóxica no terreo románico.

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : Giessen, Hesse

  • Deceso

    Lugar : Darmstadt

  • Deceso

    Lugar : Bonn