difusionismo
(< difusión)
Teoría que explica a orixe das características que conforman as culturas, en calquera dos seus aspectos, a partir da propagación destas características desde un centro difusor. Na súa forma extrema, presupón a existencia duns poucos centros difusores da cultura e oponse, polo tanto, á idea de paralelismo cultural que sostén que as diferentes culturas chegarían a producir resultados semellantes, aínda que de forma independente. Desenvolveuse a principios do s XX en Europa. Os seus defensores máis destacados foron os ingleses G. E. Smith e W. J. Perry, os alemáns W. Schmidt e F. Graebner e o estadounidense C. Wissler. As ideas difusionistas levaron a definición de áreas e círculos culturais. Aínda que se admiten fenómenos de difusión cultural, a maioría dos antropólogos rexéitano como teoría xeral da xénese das culturas.