diocese

diocese

(< lat dioecĕsis < grδιοίκησις ‘administración,goberno’)

  1. s f [RELIX]

    Demarcación territorial baixo a xurisdición eclesiástica dun bispo. A denominación da diocese coincide normalmente coa da cidade sé episcopal. As primeiras referencias a unha organización diocesana da Igrexa galega non se localizan ata o s V, no Cronicón de Hidacio. Desta época son algúns testemuños que falan doutros bispos e mesmo da celebración dun concilio en Galicia. O Parochiale Suevorum dos anos 572-582 cita as dioceses de Lugo, Ourense, Iria, Tui e Bretoña, dependentes da sé metropolitana de Braga. A diocese de Iria trasladouse a Santiago de Compostela despois da aparición do corpo do Apóstolo. A diocese de Bretoña cambiou de sé e pasou a ser a diocese de Dumio, e máis tarde de Mondoñedo (866). Xa no s XII Santiago de Compostela converteuse en sé metropolitana e tivo baixo a súa xurisdición as dioceses de Beja, Lisboa, Ossobona, Idanha, Lamego, Ciudad Rodrigo, Salamanca, Ávila, Coria, Plasencia, Badajoz e Zamora. O resto das dioceses galegas pertencían á metrópole de Braga. Esta situación mantívose ata o Cisma de Occidente no s XV: Lisboa converteuse en metrópole e acolleu as dioceses de Lametum (Lamego) e Egitania (Idanha), mentres que Santiago de Compostela recibiu Astorga, Lugo, Ourense, Tui e Mondoñedo. En 1851, a diocese de Astorga pasou a depender de Valladolid; nesa data, Oviedo incorporouse á arquidiocese compostelá, na que se mantivo ata 1954 cando se converteu en sé metropolitana. Por último, para adecuarse á realidade social do momento, as dioceses de Mondoñedo e Tui, cidades que quedaran relegadas a unha posición secundaria na rede urbana, trasladaron en 1959 a súa sé ás cidades que constituían as maiores aglomeracións demográficas das dúas dioceses, as cidades de Ferrol e Vigo, de xeito que se converteron nas dioceses de Mondoñedo-Ferrol e Tui-Vigo.

  2. s f [HIST]

    División administrativa orixinaria das provincias orientais que o Emperador Diocleciano, a finais do s III, estendeu a todo o Imperio Romano. Cada unha das doce dioceses creadas posuía unha estrutura con funcións administrativas, xudiciais ou fiscais, pero non militares. Por esta reforma, Gallaecia converteuse nunha provincia da diocese de Hispania no 305, e acadou a súa máxima extensión. Constantino reformou a súa distribución e reagrupounas en catro prefecturas pretorianas.