Dios Martínez, Xosé Luís de

Dios Martínez, Xosé Luís de

Pintor. Formouse na Escola de Artes e Oficios de Ourense con Luís Fernández Xesta. En 1961 trasladouse a Madrid, onde estudiou na Escuela de Bellas Artes de San Fernando. Pertenceu a Os Artistiñas, grupo vangardista de Ourense dos anos sesenta. Nos seus inicios, a súa obra baseouse no debuxo cun colosalismo de formas ciclópeas, emparentadas cun certo concepto de muralismo que logo deixou paso a unha pintura expansiva, colorista e fragmentada, que se relacionou cos futuristas italianos. Considerado como un artista neofigurativista, o seu posterior barroquismo desembocou no azar, no automatismo, unido a un forte cromatismo, aínda que non abandonou o concepto debuxístico. A fragmentación da súa obra evoca o caos e a deshumanización nunha visión, en certo modo, pesimista da realidade. Co paso do tempo foi abandonando a representación da figura humana. Ilustrou a versión galega da Divina Commedia de Dante (1990). Destacan, entre outras obras, O xardín de Penélope (1985), Demiurgo (1985), Primavera inerme (1987-1989), Noite contraria (1993-1994) e Interior falado (1997-1998). Realizou exposicións en cidades como Ourense, Santiago de Compostela, A Coruña, Madrid e Bilbao; ademais, participou en numerosas mostras colectivas, entre as que destacan Trazos e Camiños (1993), Espello Interior (1995), Homenaxe ao Che (Pontevedra, 1998) e Diálogos co silencio (2000). Recibiu o premio de debuxo do Certamen Nacional de Arte Juvenil (1962). Entre outras coleccións e museos, a súa obra amósase no Museo Municipal Quiñones de León (Vigo) e na Coleccción Caixanova.

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : Ourense