Discours de la méthode
Obra de René Descartes que ten como título completo Discours de la méthode pour bien conduire la raison et chercher la vérité dans les sciences, plus la Dioptrique, les Météores et la Géométrie qui sont des essais de cette Methode (Discurso do método para conducir ben a razón e buscar a verdade nas ciencias que se presentaban acompañado da Dióptrica, os Meteoros e a Xeometría que son os ensaios deste método, 1637). Publicouse sen o nome do autor e acompañado de tres obras científicas presentadas como ensaios do método. Manifesto do racionalismo moderno, pretendía dar a coñecer o método para poder chegar ao coñecemento verdadeiro e atopar a verdade. Consta de seis partes: na primeira, establece as bases do método cartesiano e desenvolve unha nova teoría do coñecemento; na segunda, realiza unha exposición xeral do seu método que ten como base a dúbida, reflectida na máxima cogito ergo sum (‘Penso; xa que logo, existo’); na terceira, expón as regras da moral provisional, destinadas a proporcionar, ante a falta momentánea dunha moral científica, os principios rectores dunha praxe na que a decisión e a acción non se poden evitar nin sometelas á mesma dúbida metódica válida no ámbito teorético; na cuarta, ocúpase da metafísica, demostración da existencia de Deus como garantía de todo coñecemento perfecto; na quinta, presenta as súas teorías sobre a Terra e o Universo, pero non define con claridade a súa postura por temor a unha persecución da Igrexa; e na sexta, que ten un carácter autónomo e completo, céntrase na ciencia, na súa utilidade e beneficios para o home.