disolución

disolución

(< latdissolutĭōne)

  1. s f

    Acción de disolver ou disolverse.

    Ex: Co escándalo conseguiron a disolución do grupo.

  2. [QUÍM]
    1. s f

      Proceso polo que unha substancia, o soluto, se dispersa noutra substancia, o disolvente, e orixina un sistema homoxéneo en canto á súa composición molecular. Ten lugar, ben por reacción química co disolvente de xeito que se forma unha nova substancia, ben por reacción química co disolvente en que se forma un solvatado, ou ben por dispersión simple. O primeiro caso dáse cando o disolvente interacciona co soluto rompendo algúns enlaces e formando novas substancias, como na disolución dos metais en ácidos, formando sales. O segundo caso implica tamén reacción, a de solvatación denominada, nas solucións acuosas, hidratación, que dá solvatados constituídos por moléculas ou ións dos solutos rodeados dun certo número de moléculas de disolvente. O terceiro caso preséntase cando non hai interaccións químicas entre soluto e disolvente, senón que o proceso se explica pola tendencia dos sistemas físicos cara aos estados de máxima desorde ou máxima entropía.

    2. calor de disolución

      Enerxía que se libera cando un mol dunha substancia se disolve totalmente nun determinado volume de disolvente.

  3. s f [QUÍM]

    solución.

  4. [DER]
    1. s f

      Acto xurídico que abre o proceso de liquidación dunha sociedade, que non coincide co momento de extinción da sociedade, e que se produce trala distribución do haber social e a cancelación das contas.

    2. disolución matrimonial

      Ruptura, por calquera das causas legais, do vínculo matrimonial validamente celebrado.

  5. s f

    Relaxación moral ou dos costumes.

    Ex: Nestes tempos é moi xeral a disolución da familia.

  6. disolución das cámaras [DER]

    Procedemento, efectuado baixo a forma de decreto, mediante o que o poder executivo acurta o período de mandato lexislativo do Parlamento e fixa a data de novas eleccións. A Constitución española prevé dous tipos de disolucións, a automática e a discrecional. A disolución automática das cámaras pódese producir ao transcorrer catro anos da formación das cámaras, cando o Congreso de los Diputados non outorgara a investidura a ningún candidato á presidencia do Goberno no prazo de dous meses trala celebración das eleccións e cando se acepte polas cámaras unha proposta de revisión total da Constitución ou parcial nos preceptos que a propia constitución define. A disolución discrecional das cámaras é unha potestade do presidente do Goberno, con deliberación do Consello de Ministros. Non procede disolver as cámaras no suposto de que estea en trámite unha moción de censura e no termo dun ano dende a anterior disolución. O Congreso de los Diputados, ademais, non se pode disolver durante a vixencia dos estados excepcionais de alarma, excepción e sitio. En Galicia, o Presidente da Xunta está facultado para, baixo a súa exclusiva responsabilidade e previa deliberación do Consello da Xunta, disolver o Parlamento mediante decreto, onde se fixe a data das novas eleccións. Esta facultade só pode ser exercida transcorrido un ano dende a anterior disolución da cámara.

Palabras veciñas

disolto | disolubilidade | disoluble | disolución | disolutivo -va | disoluto -ta | disolvente