disputatio*
Debate dialéctico no que se enfrontan dúas visións distintas dun mesmo concepto ou realidade. Cada un dos opoñentes defende a súa postura mediante unha argumentación que se basea nunha ampla mostra de probas que apoien a tese presentada, fronte a refutacións explícitas ou non. As súas orixes remóntanse á declamatio practicada nas escolas romanas de retórica, e na Idade Media converteuse no método habitual de debate oral ou escrito nas escolas. Tivo unha grande influencia nas exposicións técnicas dos tratados e, no eido da poesía, deu lugar nos ss XIII e XIV ao debate ou disputa. No s XVI foi moi común a polémica teolóxica sostida entre xudeus e cristiáns de forma oral e pública. A iniciativa partía do lado cristián, por iso moitos predicadores ou conversores solicitaron licencias reais para poder sermonear ou disputar nas súas sinagogas.