Ditea
Grupo de teatro de cámara compostelán creado en 1960 co fin de divulgar, como o seu propio nome indica “difusión de teatro”. A primeira comisión xestora estivo constituída por Xosé María Paz Sueiro, Manuel Valiño Segade, Xosé Vaamonde Caneda e Agostiño Magán Blanco, quen foi desde ese momento e ata o seu falecemento (1998) o director do grupo. O primeiro espectáculo foi Milagro!, a partir dun texto de Nicolás Nazzari, estreado o 16 de decembro de 1960 no Teatro Principal de Santiago. Nunha primeira etapa, a asociación representou autos sacramentais ao aire libre, como El hospital de los locos (1961), sobre un texto de José Valdivielso; La siega, a partir da obra de Lope de Vega; La gran Casa de Austria (1964), sobre un texto de Agustín Moreto; ou El gran teatro del mundo (1968), a partir do texto homónimo de Calderón de la Barca. Ademais dos autos, na década dos sesenta puxo en escena espectáculos creados a partir de obras de Alfonso Sastre, Sergio Voldanovic, Manuel de Heredia, Francisco de Rojas, Eugene O’Neill, Francisco Arrabal, Edward Albee, Carlos Arniches, Luigi Pirandello, Carlo Goldoni, Oswaldo Dragún ou Jorge Díaz. Ao final da década, a asociación puxo en marcha La Mojiganga e La Carreta, dúas compañías itinerantes que representaron espectáculos sobre textos de Lope de Rueda, Miguel de Cervantes ou Alejandro Casona. Xa nos anos setenta, a variedade na escolla dos autores seguiu caracterizando o grupo. Foi a etapa que Agostiño Magán chamou “teatro difícil”, na que se representaron espectáculos sobre textos de Miguel Ángel Rellán, José María Bellido ou Martínez Ballesteros. Esta década caracterizouse ademais por un cambio decisivo: a realización teatral en galego, que, nun comezo, se combinou co uso do castelán. Así, a primeira obra en galego foi A comedia da oliña (1970), sobre un texto de Plauto na versión de Aquilino Iglesia Alvariño. A ela seguíronlle versións de Oratorio (1971), sobre a obra de Alfonso Jiménez Romero; Cabalgada cara ao mar (1972), a partir dun texto de John M. Synge; A barca do inferno (1974), sobre a coñecida obra de Gil Vicente; Morte e vida severina (1975), a partir dunha creación de João Cabral de Melo Neto; e Retábulo do frautista (1975), a partir da obra de Jordi Teixidor. Desde ese momento, o grupo acordou dedicar atención exclusiva ao teatro en galego. Nesta etapa enmárcase o “ciclo irlandés”, constituído por espectáculos creados a partir de textos de dramaturgos irlandeses, como Rosas vermellas para min (1976), de Sean O’Casey; O país da saudade, de William Butler Yeats, na versión dos irmáns Villar Ponte e Plácido R. Castro; e A fontenla dos milagres (1979), de John M. Synge. Aínda que foi clara a preferencia do grupo por autores non galegos (ós xa citados uníronse Aristófanes, Cervantes ou Pessoa), en 1977 representou Almas mortas, a partir dun texto homónimo de Antón Villar Ponte. A maior parte das versións das obras foron realizadas por Agostiño Magán, pero non foi ata 1980 cando se representou un espectáculo baseado nun texto propio del, Mesmo semellaban bruxas, retábulo de meigas e inquisidores, a esta seguiríalle dous anos despois, Alias Pedro Madruga, coa que se perfilou o gusto deste autor polo teatro de tema histórico. En 1985, ademais de representar a montaxe colectiva Que queredes, pitos cairos? e Guerras do alecrín e manxerona, sobre textos de José da Silva, a asociación celebrou o seu 25 aniversario convocando o Premio Ditea, celebración na que resultaría gañador Manuel Lourenzo con Defensa de Helena. A actividade do grupo continuou coa presentación de A lenda de Xoán Bonome (1985); Farsa plautina (1987), espectáculos creados a partir de novos textos de Agostiño Magán; As alegres comadres de Windsor (1988), a partir da célebre comedia de William Shakespeare; Naia (1989), sobre un novo texto de Agostiño Magán; e As asamblearias ou se as mulleres mandaren (1990), sobre un texto de Aristófanes. Na década dos noventa o grupo continuou presentando espectáculos baseados en textos de autores galegos e contribuíndo á dinamización do teatro galego.