divino -na

divino -na

(< lat dīvīnu)

  1. adx

    Relativo ou pertencente aos deuses ou a Deus.

    Ex: Finalmente parece que actuou a xustiza divina e quedaron contentos.

    Sinónimos: divinal.
  2. adx

    Que é perfecto no seu xénero, extraordinariamente bo ou bonito.

    Ex: Mercou uns traxes divinos que lle sentaban moi ben.

  3. versión ó divino [LIT]

    Fenómeno literario aparecido en España entre os ss XV e XVII, que consiste no aproveitamento de obras, temas ou modalidades estilísticas procedentes da literatura profana para transmitir contidos relixiosos. A conversión deuse principalmente na poesía, tanto de tipo tradicional como cortesá e renacentista, pero tamén se cultivou na novela e no teatro. Poetas dos ss XV e XVI, como Gómez Manrique, Álvarez Gato, Frei Íñigo de Mendoza ou Gregorio Silvestre, empregaron coplas e cancións populares para compoñer vilancicos, glosas e outros poemas de carácter relixioso. San Xoán da Cruz e Santa Teresa de Xesús versionaron de maneira similar composicións cortesás do s XV; mesmo os autores clásicos do Renacemento tiveron a súa versión relixiosa, como no libro Obras de Boscán y Garcilaso trasladadas a materias cristianas y religiosas (1575), de Sebastián de Córdoba. No eido da narrativa adaptáronse novelas pastorís, como Clara Diana a lo divino (1599), de frei Bartolomé Ponce, e novelas de cabalería, como Caballería celestial de la rosa fragante (1554), de J. Sempere. Exemplo da súa aparición no teatro é a peza La puente del mundo de Lope de Vega ou o emprego que fai da mesma copla de El caballero de Olmedo no auto sacramental Los cantares.

Palabras veciñas

divinilo | divinización | divinizar | divino -na | divino sainete, O | Divinópolis | 1 divisa