1 divisa

1 divisa

(

  1. s f
    1. Sinal ou insignia que serve para distinguir persoas, cousas ou graos.

      Ex: Os militares adoitan levar divisas no puño e nos ombreiros do uniforme. A nosa familia ten como divisa ser moi traballadora.

    2. Lazo de cintas de cores que nas corridas de touros permiten distinguir as diferentes ganderías.

  2. s f [HERÁLD]
    1. Emblema ou lema breve e explicativo que aparece nun escudo.

    2. Figura emblemática cunha sentenza ou lema conciso que a explica. Colócase no bordo, nun extremo ou na punta do escudo e úsase especialmente para expresar o desexo ou designio particular da persoa que a adopta ou un concepto determinado. Recibe o nome de divisa verdadeira cando ten unha significación metafórica; divisa falsa se non ten este atributo; divisa perfecta a composta de corpo (figura emblemática) e alma (lenda ou inscrición) e divisa imperfecta a que só non ten unha destas cousas.

  3. s f [HERÁLD]

    Peza diminuída de primeiro grao equivalente a unha faixa reducida na metade da súa amplitude. Tamén recibe o nome de faixa en divisa.

  4. s f [ARTE]

    Decoración composta dunha inscrición acompañada ou non de figuras. Pode ser esculpida ou pintada e xeneralizouse, entre outros obxectos, en vasos e espellos.

  5. s f pl [ECON]

    Moeda estranxeira en mans de particulares ou do Estado, e tamén cada un dos títulos de crédito a curto prazo, como cheques e letras, liquidables en moeda doutro Estado. As reservas de divisas para efectuar os pagamentos exteriores, están constituídas preferentemente por divisas convertibles no mercado internacional, pero as non convertibles só son de aceptación obrigada polos estados que as emiten.

Palabras veciñas

divino -na | divino sainete, O | Divinópolis | 1 divisa | 2 divisa | divisar | divisi*