dixestión
(
-
s
f
[FISIOL]
Proceso complexo, mecánico e enzimático, que ten como finalidade transformar os alimentos inxeridos en moléculas capaces de ser absorbidas pola mucosa intestinal para seren incorporadas á materia viva ou seren empregadas como fonte enerxética. Os enzimas que empregan os animais son: proteases, que degradan as proteínas ata aminoácidos; lipases, que degradan os lípidos ata ácidos grasos e alcohois; e carbohidrases, que hidrolizan os azucres de cadea longa a disacáridos ou monosacáridos. Nos animais celomados a dixestión abrangue tres sectores claramente definidos: bucal, gástrico e intestinal. Na dixestión bucal intervén a disgregación mecánica da mastigación conxuntamente coa secreción salivar, que contén os enzimas que inician a hidrólise dos alimentos. No estómago ten lugar a dixestión gástrica: o bolo alimenticio é sometido á acción dos enzimas catepsina e pepsina en presenza do ácido clorhídrico. A función primordial da dixestión gástrica é a preparación dos alimentos pola hidrólise e logo o transporte por movementos musculares peristálticos. No intestino ten lugar a dixestión intestinal; o zume pancreático e o zume intestinal, ricos en enzimas, continúan a hidrólise selectiva dos alimentos, o que permite obter unidades absorbibles. Ademais, a bile segrega o fel que favorece a actividade dos enzimas e a absorción das graxas. No intestino groso existe unha flora microbiana saprofítica que, ademais de contribuír cos seus enzimas propios, intervén na biosíntese das vitaminas do grupo B e na inmunidade natural do individuo. Toda esta acción bioquímica compleméntase cuns movementos peristálticos que removen o bolo, facilitando o intercambio e a eliminación dos residuos das hidrólises, os produtos non absorbidos, os catabolitos, etc. Nesta última etapa da dixestión, a absorción é máxima en función da dixestibilidade do alimento inxerido. A dixestión pode ser extracelular (ánelidos, artrópodos e vertebrados), se as células glandulares liberan os zumes dixestivos na cavidade dixestiva onde os alimentos se descompoñen; extraintestinal (estrelas de mar), na que os zumes dixestivos se inxectan na presa; e intracelulares (algúns protozoos, esponxas, celentéreos, etc) se os alimentos se absorben no citoplasma por fagocitose ou por pinocitose, e despois se engloban dentro dos vacúolos.
-
s
f
[QUÍM]
Operación de farmacotecnia que consiste na extracción dos principios activos dunha droga mediante un solvente. Realízase por maceración, con axitación a unha temperatura de 35 a 45 °C.
-
s
f
[QUÍM]
Contacto prolongado de dúas substancias para producir unha transformación química. A dixestión emprégase na depuración de augas residuais, na fabricación de papel ou no tratamento e depuración da biomasa. Neste último caso, cómpre distinguir entre a aeróbica, que dá un produto de notable valor fertilizante (compost), e a anaeróbica, que produce unha mestura de gases combustibles ou biogás, e tamén un efluente máis rico en nitróxeno ca o compost.
-
s
f
[XEOL]
Transformación e incorporación total ou parcial dunha rocha noutra cando esta está a temperatura elevada e se pon en contacto coa outra. É un dos efectos do metamorfismo de contacto.