Doade, San Martiño de

Doade, San Martiño de

Igrexa parroquial situada en Sober. De orixe beneditina, documéntase dende 1206, cando o monxe Arias Afonso doou o casar de Doade ao bispo de Lugo. En 1290 o Papa Nicolao V confirmou os dereitos sobre esta parroquia ao mosteiro de San Vicente do Pino. Consérvase a igrexa construída en 1804. Trátase dun templo de nave única con cuberta de madeira e capela maior cuberta a catro augas. O arco triunfal destaca pola súa imposta clásica. No interior sobresaen os retablos neoclásicos do s XIX coas imaxes de Cristo, san Martiño, a Piedade e a Virxe. Na sancristía consérvanse imaxes do s XVIII de san Miguel, santo Antonio, san Roque e san Bieito. Na fachada principal destaca a portada formada por un lintel e unha fornela de arco de medio punto. Coróase cunha espadana barroca con dous vans e un frontón partido. A torre campanario rodéaa unha balconada con adornos piramidais nos seus vértices.