Dobao Rodríguez, Pedro

Dobao Rodríguez, Pedro

Escultor. Formouse como tallista en madeira nun taller de artesanía (1961), na Escuela de Artes Aplicadas e Oficios Artísticos de Madrid (1965) e no taller do escultor J. L. Alonso Coomonte. Durante a súa estancia en Barcelona, realizou diversos traballos para arquitectos, maquetas e murais. Instalouse en Vigo en 1975, onde se dedicou á creación de esculturas públicas. A súa obra caracterizouse polo uso de materiais nobres e polo estilo vitalista das formas redondeadas, onde a principal protagonista é a muller. Da súa produción destacan Busto a Castelao (Concello do Porriño, 1989), Monumento ao Emigrante (O Barco de Valdeorras, 1990), Monumento á Liñeira (As Neves, 1992), Tenaces do Vento (Muros-Carnota, 1993), Monumento á Familia (As Neves, 1995) e Monumento á Muller Traballadora (Vigo, 1996). En 1990 presentou o audiovisual O home de hoxe e a arte da actualidade. Realizou exposicións en Madrid, Barcelona, O Porriño e Vigo. Foi membro reitor da Xunta do Goberno do Museo Municipal Quiñones de León de Vigo.

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : O Barco de Valdeorras