Dobruxa

Dobruxa
Nome científico: [rom: Dobrogea; búlgaro: Dobrudza]

Rexión do SL de Europa comprendida entre o curso inferior do río Danubio e o Mar Negro, ao NL de Bulgaria e ao SL de Romanía (23.400 km2). Esténdese a ambos os lados da meseta arxilosa de Karasu. Está dividida en dúas partes: o sector N, que corresponde a Romanía, poboado por romaneses, rusos, ucraínos, turcos e tártaros, que viven espallados, e no que destaca Constanţa como centro máis importante; e o sector S, que corresponde a Bulgaria, economicamente máis desenvolvido, sobre todo na agricultura. As condicións climáticas impediron durante séculos a mellora da agricultura, non obstante esas mesmas características favoreceron a gandería, principalmente a cría de gando vacún. Durante o s XX, os avances tecnolóxicos permitiron o cultivo de cereais, viña e follas de tabaco. No s VI a C establecéronse colonias gregas e no 75 a C foi incluída dentro da provincia romana de Mesia. Disputada por búlgaros e bizantinos, en 1396 conquistárona os turcos e en 1417 quedou baixo o dominio directo do sultán. O Tratado de Berlín (1878) entregou a Dobruxa ex-turca a Romanía e o sur da rexión a Bulgaria. O Tratado de Bucarest (1913) outorgou a Romanía a parte meridional de Dobruxa, posesión confirmada polo Tratado de Neuilly (1919). En 1940 Bulgaria recuperou a Dobruxa meridional, feito que se confirmou no Tratado de París (1947).