Dodecaneso
Arquipélago de Grecia, situado ao S do mar Exeo, que constitúe o nomós do Dodecaneso (2.714 km2; 163.476 h [1991]). A capital é Rodas. Está formada polas illas de Astypálaia, Leros, Kálymnos, Telos, Chalke, Rodas, Patmos, Lipsós, Kôs e Nísyros. Estivo poboado dende o Neolítico. No 700 a C, a illa de Rodas formou parte da Hexápole doria, xunto con Knido, Halicarnaso e Kôs, feito que influíu no resto das illas do Dodecaneso. Dende o s III a C, perdeu prototagonismo no espazo do Exeo. Ocupárono os romanos e os bizantinos. Durante a Idade Media, sufriu os ataques dos piratas sarracenos, mentres os xenoveses e os venecianos estableceron bases nas illas. No 1309, os cabaleiros de San Xoán conquistaron a illa de Rodas e construíron a cidade medieval. Estiveron baixo dominio turco entre 1522 e 1912, cando foron ocupadas polos italianos. A dominación italiana durou ata 1943 e a Conferencia de París de 1946 outorgoullas a Grecia.