Doe, Samuel Kanyon

Doe, Samuel Kanyon

Militar e político liberiano. Membro da tribo dos krahn, integrouse no exército e ascendeu ata o posto de sarxento maior. Dirixiu un golpe de estado contra o presidente William Tolbert (1980), asumiu o liderado de Liberia e puxo fin ao dominio político da minoría de orixe afroamericana. En 1981 nomeouse xeneral e permaneceu á fronte dun goberno militar ata que o disolveu en 1985. Foi elixido presidente dun goberno democrático nunhas eleccións marcadas pola fraude. Durante a súa presidencia, na que mantivo unha dura represión cos grupos opositores, o seu anticomunismo foi recompensado cunha importante axuda económica dos EE UU. En 1989 produciuse unha sublevación dos grupos mande e gio na rexión de Nimba, que reprimiu co exército tribal krahn. Como resposta, produciuse unha sublevación xeral, mentres a Fronte Nacional Patriótica de Liberia, unha guerrilla dirixida por Charles Taylor e integrada polos mande e os gio, invadiu o país. Os afroamericanos, os krahn e os mandinga, que tamén estaban aliados co presidente, sufriron unha masacre e Doe foi torturado e asasinado.

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : Tuzon

  • Deceso

    Lugar : Monrovia