Dombate, dolmen de ou dolmen da Fornela

Dombate, dolmen de ou dolmen da Fornela

Situado en San Xoán do Borneiro (Cabana) nunha pequena chaira orientada cara ao interior, no límite coa comarca de Soneira-Xallas. Trátase dunha das antas máis coñecidas de Galicia, mencionada xa por Eduardo Pondal. Escavouse parcialmente entre os veráns de 1987 a 1989 nunha intervención que dirixiu Xosé María Bello Diéguez. Está composto por unha estrutura megalítica de cámara poligonal de grandes dimensións (4,20 x 2,90 m), con sete lousas chantadas e inclinadas cara ao interior e unha de cubrición. O corredor, ben diferenciado, conserva parte do seu alzado (tres laxes a cada lado), da súa cubrición (unha lousa desprazada cara á dereita das chantas) e a lousa de peche; orientado cara ao O, ten unha lonxitude de 4,10 m, unha anchura variable entre os 95 e os 140 cm e unha altura que diminúe a medida que se afasta da cámara principal, que oscila entre os 95 e os 150 cm. O túmulo, duns 24 m de diámetro e 1,80 m de altura, estaba formado por unha masa de terra escura recuberta parcialmente dunha coiraza pétrea, con pedras planas depositadas horizontalmente e que sinalaban o perímetro tumular e pedras ben trabadas na zona interior. Durante a escavación do espazo funerario, descrubríronse gravados e pinturas. Os gravados aparecen en tres lousas da cámara nas que se diferencian tres figuras semellantes: a primeira, presenta unha imaxe bicónica, formada por trazos paralelos cun eixe vertical estendido e unha base trapezoidal; a segunda, ten un corpo trapezoidal e un trazo en forma de asa; e a terceira, cun trazado parello ás anteriores, presenta debaixo dela varias liñas ondulantes e serpentiformes. As pinturas aparecen na totalidade das lousas da cámara e do corredor, articuladas en dous rexistros horizontais separados por una banda vermella festonada de puntos vermellos e negros. Presentan unha composición marcadamente xeometrizada, que se pode emparentar con outros modelos do N de Portugal, Galicia e Asturias. O enxoval está composto por restos cerámicos, material lítico e un conxunto de obxectos identificados como idoliños. Baixo o monumento visible apareceron os restos dun megalito máis vello e de menor tamaño e complexidade, cunha cámara simple alongada e aberta, composta por nove ortostatos, orientada ao L-SL, cunhas dimensións de 240 x 190 cm. O túmulo, cunha planta circular de 10,5 m de diámetro, aparecía cuberto en gran parte por unha coiraza de pedras. Esta é a primeira ocasión na que apareceu este fenómeno de sucesión de monumentos no mesmo emprazamento ritual. Foi declarado Ben de Interese Cultural en 1978.

Palabras veciñas

domar | Domar, Evesey David | Domato | Dombate, dolmen de ou dolmen da Fornela | Dombes | Dombodán | Dombrowski, Jan Henryk