Domingo Embil, Plácido
Tenor. Naceu no seo dunha familia de cantantes de zarzuela e aos nove anos trasladouse coa súa familia a México. Alí comezou a súa formación musical, fundamentalmente adquirida no teatro cos seus pais e no Conservatorio de México, ao que acudía esporadicamente. Comezou a cantar como barítono ao debutar na zarzuela Gigantes y Cabezudos (1957), de Manuel Fernández Caballero, e aos dezaoito anos na Ópera Nacional de México como tenor co papel secundario de Matteo Borsa de Rigoletto de Verdi. O seu primeiro papel importante como tenor foi o de Alfredo de La traviata (1961) e ese mesmo ano debutou xunto a Lily Pons en Dallas co papel de Arturo de Lucia di Lammermoor. Posteriormente trasladouse a Tel Aviv onde adquiriu experiencia teatral en máis de trescentas representacións e, a partir de 1965, traballou nos principais teatros e festivais europeos e americanos (París, Viena, Berlín, Chicago, Milán, Barcelona, Washington, Salzburgo, Nova York, etc). Debutou no Metropolitan de Nova York o 28 de setembro de 1968 a carón de Renata Tebaldi, substituíndo a Franco Corelli no papel de Maurizio en Adriana Lecouvreur, de F. Cilea; na Scala de Milán con Ernani (1969), de G. Verdi; no Covent Garden como Cavaradossi de Tosca de G. Pucini; e en Madrid con La Gioconda (1970), de Ponchielli, xunto á soprano Ángeles Gulín. O seu repertorio inclúe máis dun centenar de óperas nas que aborda unha gama de personaxes de gran variedade estilística e vocal. Da súa inquietude artística xorden a recuperación constante de títulos esquecidos, como o Merlín de I. Albéniz, Margarita la Tornera de R. Chapí ou Il guarany de A. C. Gomes, e a estrea de óperas de autores contemporáneos como Divinas Palabras de A. García Abril na reapertura do Teatro Real de Madrid (1997). Ten centenares de gravacións e no espectáculo de Os tres tenores compartiu cartel con J. Carreras e L. Pavarotti. Incansable e polifacético, intentou compaxinar o canto e a dirección de orquestra co seu posto de director artístico da Ópera de Washington e coa promoción de varios concursos de cantantes noveis. Recibiu o Premio Prestigio Rioja (1999) e a insignia de Comendador da Lexión de Honor do goberno francés (2002).
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Madrid