Domínguez Bécquer, Gustavo Adolfo Claudio
Escritor. Adoptou o apelido familiar Bécquer, aínda que o seu verdadeiro nome era Gustavo Adolfo Claudio Domínguez Bastida. Ao morrer seu pai ingresou no colexio San Telmo para seguir estudios de náutica, que abandonou para formarse como pintor con Cabral Bejarano e máis tarde no estudo do seu tío Joaquín Domínguez Insausti. Por estes anos escribiu Oda a la muerte de Don Alberto Lista (1848), Oda a la señorita Lenona en su partida, publicou os seus primeiros traballos no xornal La Aurora e algúns poemas (“La plegaria y la corona”, “A Quintana”). En 1854 trasladouse a Madrid e colaborou en diversos xornais da época (El Contemporáneo, El Museo Universal, El Porvenir, La España Artística y Literaria e La Iberia). Escribiu a comedia La novia y el pantalón (1856), en colaboración con García Luna. Un ano máis tarde rematou a primeira entrega de Historia de los templos de España (1857-1858), obra na que reuniu a historia, o pensamento relixioso e a arquitectura. Xunto con García Luna escribiu a zarzuela La venta encantada, que asinou co pseudónimo de Adolfo García e o sainete Las distracciones (1859) e ao ano seguinte estreou Tal para cual e La cruz del valle, e publicáronse algunhas das súas Rimas. En 1860 comezou a publicar en El Contemporáneo as Cartas literarias a una mujer, nas que expón a súa poética e o papel da muller no proceso da creación literaria. En 1863 estreou a zarzuela en dous actos Clara de Rosemberg. Durante unha estancia no mosteiro de Veruela comezou a escribir as Cartas desde mi celda (1864), aparecidas en El Contemporáneo, nas que describe lugares, paisaxes e a súa propia vida. En 1864, de novo en Madrid, acadou o posto de censor de novelas, que ocuparía entre 1864 e 1865 e entre 1866 e 1868. Depois de vivir en Noviercas (Soria) trasladouse a Toledo e viviu co seu irmán Valeriano, ata que ambos os dous foron chamados para integrar a redacción de La Ilustración de Madrid, Valeriano como debuxante e Gustavo Adolfo como director. A súa obra en prosa céntrase nas Leyendas (1871), publicadas na prensa, antes de editarse en libro, entre 1858 e 1864, nas que recolleu tradicións populares marcadas polo amor, pola morte e pola fantasía, e nas que o misterio se mestura coa realidade. Desta colección de dezaseis relatos destacan, entre outros “El rayo de luna”, “Maese Pérez el organista”, “La promesa”, “El caudillo de las manos rojas”, “La cruz del diablo” ou “Los ojos verdes”. Baixo a influencia de alemáns e británicos, reaccionou contra a liña grandilocuente do romanticismo e a súa poesía reflicte unha calidade que provén do feito ter superado o retoricismo co que alcanza unha expresión núa, simple e concentrada en pequenas unidades estróficas. Por esta razón, os seus poemas salváronse da desvalorización posterior da poesía romántica. Considerado un dos poetas máis representativos do romanticismo español, na súa obra rexeitou os artificios retóricos e os seus temas dominantes (o exotismo, o amor imposible, a soidade, a morte) reflíctense a través dun lirismo intimista dunha aparente sinxeleza e cunha gran musicalidade. Exerceu unha grande influencia en poetas do s XX, como Antonio Machado, Juan Ramón Jiménez, Pedro Salinas ou Luis Cernuda.
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Sevilla -
Deceso
Lugar : Madrid