Domínguez Iglesias, Xacobe

Domínguez Iglesias, Xacobe

Docente e político. Estudiou na Universidade de Oxford e foi profesor de francés e inglés no colexio de primeiro e segundo ensino San Tomé de Aquino de Vigo, dirixido naquel momento por Telmo Rotea Osorno. Foi vogal da xunta local de primeiro ensino e presidente do Casino de Vigo e, posteriormente, alcalde de Vigo no trienio 1881-1884. Pertenceu ao partido fusionista de Eduardo Iglesias. Distinguiuse polo seu apoiou ás escolas públicas. Mantivo contactos coa Institución Libre de Enseñanza (ILE) e no verán de 1883 recibiu en Vigo a visita de F. Giner de lo Ríos e M. Bartolomé Cossío. Dende a ILE mandáronse bosquexos para a construción de grupos escolares e de escolas elementais. Durante o seu mandato, ademais doutras obras como a Alameda e o cárcere novo, rematáronse as obras das escolas do Centro e impulsáronse as do Areal. Ao deixar a alcaldía (1884) intentou crear un centro na cidade olívica, seguindo as orientacións institucionistas, polo que mantivo correspondencia epistolar con Giner.