Domínguez Lino, Lourdes

Domínguez Lino, Lourdes

Tenista. O seu primeiro triunfo internacional acadouno no campionato de Europa individual na categoría cadete en xullo de 1997, e nese mesmo ano, coa selección española, foi subcampiona de Europa cadete e medalla de bronce na Continental Cup sub-18 (Miami); ademais, en decembro, proclamouse campioa da Orange Bowl sub-16 de Florida, considerado o campionato do mundo da categoría. Con este palmarés, ao que se sumaron dous títulos do circuíto Challenge WTA en dobres, a Federación Europea de Tenis nomeouna mellor xogadora sub-16 do continente en 1997. En 1998, á parte de 9 campionatos Challenge WTA, individuais e dobres, acadou o terceiro posto no campionato de Europa junior individual e os subcampionatos mundial por equipos e dobres na Orange Bowl sub-18. En xuño de 1999 conquistou o título júnior dos campionatos internacionais de Francia (Roland Garros). Completou ese ano con sete novos títulos Challenge WTA, o campionato de Europa absoluto por equipos e o subcampionato do mundo sub-18 coa selección española. En 2000 obtivo 6 triunfos en torneos Challenge WTA e debutou no circuíto profesional. Despois de varias lesións nos ombros, reincorporouse á competición no verán de 2001 e, en setembro, gañou a medalla de bronce en categoría individual e a de prata en dobres nos XIV Xogos do Mediterráneo, celebrados en Tunes. Ademais obtivo dúas novas vitorias en dobres en torneos Challenge WTA.

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : Pontevedra