Domínguez Romay, Fernando
Arquitecto. Protexido de Pedro Martín Cermeño García de Paredes, exerceu o cargo de mestre maior das fortificacións da Coruña. A partir de 1782 traballou como arquitecto principal das obras de urbanización e saneamento da cidade herculina. Foi arquitecto municipal da Coruña dende a creación do cargo en 1786. O seu estilo neoclásico, influído por Martín Cermeño, caracterizouse por unha gran sinxeleza e por un sentimento clasicista moi puro. Entre as súas obras coruñesas destacan, ademais dalgunhas vivendas particulares, a Aduana Marítima (sede da subdelegación do Goberno, 1780), o Real Consulado (sede da Real Academia de Bellas Artes de Nuestra Señora del Rosario) e o desaparecido Hospital Municipal (1791). Deseñou tamén as fontes de Neptuno e da Fama (1791) e os planos, non executados, para o ensanche da cidade e para a fonte da antiga praza da Fariña (praza de Azcárraga), e dirixiu as obras de construción do Teatro Provisional da Porta Real (1804). En Santiago de Compostela construíu o pazo do Marqués de Santa Cruz de Rivadulla na Rúa Nova (1803). Entre outros proxectos non realizados destacan as novas casas consistoriais da Coruña, a reconstrución da catedral de Tui, proxecto realizado con frei Plácido Caamiña, un altar maior para a igrexa de San Domingos do Coruña e diversas obras en Padrón. En 1790 nomeárono académico de mérito da Real Academia de Bellas Artes de San Fernando.
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Santiago de Compostela -
Deceso
Lugar : A Coruña