2 dominicano -na
(< topónimo República Dominicana)
-
adx
Relativo ou pertencente á República Dominicana ou aos seus habitantes.
-
s
Natural ou habitante da República Dominicana.
-
arte dominicana
[ARTE]
As primeiras manifestacións artísticas pertencen ao pobo taíno. Consérvanse restos cerámicos destinados a prácticas funerarias e rituais e mostras da arte rupestre en diversos lugares, ben en covas, ben ao aire libre. Destacan, entre outras, as covas de Las Maravillas, El Pomier e as Caritas. Nas covas do Parque del Este e Los Haitises localizáronse pictografías con distintas representacións de figuras humanas, animais, astros, figuras xeométricas e labirínticas, escenas de recolección, caza, pesca, danzas, xogos e prácticas funerarias. As estruturas arquitectónicas taínas son rectangulares, circulares e ovaladas, e estaban delimitadas por pedras verticais. Nelas atopáronse obxectos de pedra decorados con relevos, ídolos, amuletos e diversos obxectos realizados en pedra, madeira, cunchas e ósos. No campo da arquitectura colonial destaca a catedral de Santo Domingo (1521-1537), de trazas góticas, pero que amosa na fachada motivos decorativos platerescos. No seu interior acolle o mausoleo de Colón. As casas de pedra, co patio central ou español como centro da vida, cunha decoración con fontes, vexetación e azulexos, son outra mostra da presenza hispánica no país. No centro histórico de Santo Domingo destacan a igrexa e os conventos de Las Mercedes (s XVI); o convento dos Dominicos; as ruínas do Hospital de San Nicolás de Bari e do convento de San Francisco, construídos polo gobernador Nicolás Ovando; o alcázar de Diego Colón; a fortaleza Ozama; a casa de La Moneda; a casa de El Cordón; e o Museo de Las Casas Reales, onde se situaron as residencias e os despachos da Real Audiencia. En Puerto Plata consérvase a fortaleza de San Felipe, construída no s XVI para facer fronte aos ataques piratas; en Higüey destaca o santuario de Nuestra Señora de la Altagracia, e en Yuma a casa na que viviu Ponce de León. A pintura e a escultura dominicana comezaron a desenvolverse nos anos corenta coa creación da Escuela Nacional de Bellas Artes, da que formaron parte como profesores, entre outros, Celeste Woss y Gil, Yoryi Morel, Darío Suro e Jaime Colson, e artistas que fuxían da Segunda Guerra Mundial, como os xudeus alemáns J. Fulop e G. Hausdorf; ou da Guerra Civil Española como José Gausachs, Manolo Pascual e Antonio Prats Ventós. Na Escuela formáronse, entre outros, Gilberto Hernández Ortega, Eligio Pichardi, Paul Giudicelli, Radhamés Mejía, Domingo Liz, José Rincón Mora, Soucy de Pellerano, Joaquín Mordán Cipirán, Alberto Ulloa, Saíd Musa e Ramón Osorio.
-
literatura dominicana
[LIT]
Nas súas orixes, a literatura transmitíase oralmente. No período de independencia xurdiron os primeiros xornais e entre os anos 1795 e 1800 introduciuse a imprenta. Os escritores da Restauración están marcados pola inestabilidade política e as guerras civís. A preocupación indixenista foi un elemento primordial da literatura do s XIX. Nesta tendencia destacan José Joaquín Pérez, representante do romanticismo poético, autor de Fantasías indígenas (1877); Manuel Jesús Galván, autor da novela histórica Enriquillo (1882); Gastón Fernando Deligne, con Galaripsos (1908) e o costumista Gregorio Billini. Así mesmo, destacaron Fabio Federico Fiallo, xornalista que fundou os xornais El Hogar, La Bandera Libre e Las Noticias e autor de Poesías (1880), e Salomé Ureña, poetisa, pioneira da educación feminina e fundadora do Instituto de Señoritas, primeiro centro feminino de ensino secundario establecido na República Dominicana. Entre os anos 1920 e 1950, ao abeiro das revistas El día estético e La Poesía sorprendida, formáronse uns grupos de poetas entre os que destacaron Domingo Moreno Jiménez, Rafael Augusto Zorrilla, Tomás Hernández Franco, Franklin Mieses e Freddy Gatón Arce. Desta época, e no terreo da narrativa, hai que nomear a Osvaldo Bazil, Tulio Manuel Cestero, Pedro M. Archambault, Francisco Moscoso Pueblo, Manuel de Jesús Troncoso de la Concha e Rafael Damirón. No ensaio e no campo dos estudios críticos e filolóxicos destacaron os irmáns Pedro e Max Henríquez Ureña; o primeiro foi un dos instauradores do pensamento crítico contemporáneo en Hispanoamérica e publicou Cuentos de la nana Lupe (1966), Ensayos críticos (1905), El español en Santo Domingo (1940) Plenitud de España (1940) e Historia de la cultura en la América Hispánica (1947). Son importantes tamén os poetas Manuel del Cabral (De este lado del mar, 1948), Héctor Incháustegui Cabral (Rumbo a la otra vigilia, 1924) e Pedro Mir (Hay un país en el mundo, 1949), e os prosistas Virgilio Díaz Grullón, que publicou Un día cualquiera (Premio Nacional de Literatura, 1959); Marcio Veloz, autor de Intus (Premio Nacional de Poesía, 1962), La biografía difusa de Sombra Castañeda (Premio Nacional de Novela, 1981), Materia prima (Premio Nacional de Novela, 1990), El buen ladrón (Premio Nacional de Novela, 1981) e gañador do Premio Nacional de Literatura en 1996; e Juan Bosch Gaviña, un dos precursores do crioulismo e fundador do Partido Revolucionario Dominicano (PRD), que en 1963 tomou posesión como presidente da República, autor dos relatos Camino real (1933) e da novela La mañosa (1936). Entre as contistas máis destacadas do s XX figuran Hilma Contreras, autora de Cuatro cuentos (1953) e Entre dos silencios (1987) e Premio Nacional de Literatura do ano 2002, xunto a Delia Weber Pérez, activista cultural, defensora da muller e unha das fundadoras do Club Nosotras e da agrupación Acción Feminista Dominicana, que escribiu Encuentro (1939), Espigas al sol (1959) e Dora y otros cuentos (1952); Virginia Elena Ortea, que publicou Risas y lágrimas (1901); e Aída Cartagena Portalatín, directora dos cadernos literarios Brigadas Dominicanas, conselleira da UNESCO en París e autora de Víspera del sueño (1944) e Mi mundo el mar (1953). Posteriormente, destacaron, entre outros, José Alejandro Peña, autor de El Soñado desquite (Premio Nacional de Poesía 1986), Iniciación final (1984), Pasar de sombra (1989) e El Fantasma de Broadway Street y otros Poemas (2001); Pedro Antonio Valdez, autor de La rosa y el sudario (2001); Fausto Leonardo Henríquez, con La otra latitud (1999) e Diógenes Céspedes, con Al arma contra figuraciones (2001).