Donas, Santa Baia de
Igrexa parroquial situada en Gondomar. Pertenceu a un antigo mosteiro de monxas beneditinas fundado en tempos de Afonso VII e disolto en 1455. De estilo románico, construíuse no terceiro cuarto do s XII e modificouse a finais do s XVIII e principios do s XIX. Ten unha soa nave e ábsida rectangular. No lado norte engadíronse dous corpos: unha sancristía e unha capela e, entre esta e a fachada principal, un terceiro corpo que funciona como almacén. A ábsida está cuberta cunha bóveda de canón apuntada reforzada por dous arcos faixóns, apoiados sobre columnas entregadas que teñen bases áticas con poutas e capiteis decorados: os do primeiro arco debían ser vexetais, pero apenas se conservan, mentres que os do segundo presentan un, a Virxe co Neno nos brazos, ambos os dous coa man dereita levantada en sinal de bendicir, acompañados doutros dous personaxes; o outro ten nunha esquina tres personaxes agarrando algo. Entre as columnas, nos laterais da capela, ábrense fiestras de medio punto con arcos sobre columnas con capiteis vexetais, os do lado norte repicados. O primitivo arco triunfal queda oculto por outro de construción moderna. A cuberta abovedada da nave substituíuse por unha cuberta a dúas augas, cunha estrutura de formigón que imita a madeira. A principal modificación que sufriu este espazo foi a apertura dun grande arco ao norte que dá paso á capela. Por mor desa obra perdeuse unha das seis fiestras que lle daban luz á nave; estas son de medio punto con columnas de bases áticas e capiteis vexetais, agás tres que representan dúas aves metendo os peteiros nun cálice, un personaxe abaixado sobre un fondo vexetal e outro na mesma postura sostendo algo entre as mans. A portada occidental é abucinada e presenta tres arquivoltas sobre dous pares de columnas acobadadas de bases áticas e capiteis, tres deles con decoración vexetal e outro historiado, cun personaxe espido e cos brazos abertos. O arco maior presenta unha decoración con baquetas e billetes, cinguido por unha chambrana con billetes, mentres que as outras dúas arquivoltas están molduradas.