Donón
Xacemento arqueolóxico situado na parroquia do Hío (Cangas), formado por un conxunto de gravados rupestres, construcións arquitectónicas castrexas e aras romanas. Os gravados de Mogüelos, na Bouza de Arriba, teñen representacións xeométricas de círculos e rectas; sobre unha rocha de granito hai gravadas dúas figuras triangulares e sobre outra unha folla cos lados curvos e unha posible nervadura central. No monte do Facho e noutros lugares localizáronse outros gravados. O conxunto de aras romanas, conservadas no Museo de Pontevedra e no Museo Municipal Quiñones de León de Vigo, están decoradas con diversos motivos, entre os que destacan as aspas e os arcos, e teñen caracteres epigráficos. A maioría das conservadas presentan un remate en forma de frontón apuntado e identificáronse como exvotos ofrecidos a un santuario que puido estar dedicado a Baco, ás divindades indíxenas, entre as que destaca Biberabreo, ou aos Lari Deo. No monte do Facho consérvanse dous conxuntos arquitectónicos: un deles da época castrexa, coas vivendas de forma circular situadas entre as rochas onde se localizaron olas con asas de diferentes tamaños realizadas cunha pasta negra ou escura e con decoración xeométrica; o outro, formado por unha estrutura circular cunha cuberta cupulada que pode estar relacionada coas construcións defensivas erixidas no s XVIII para previr os ataques por mar.