Temas

Tešik-Taš

Xacemento prehistórico nos montes Bajsun-Tan, en Uzbekistán, onde entre 1838 e 1839 foron atopados restos de esqueleto humano (home de Tešik-Taš) correspondente a unha cultura lítica de tipo musteriano.

Más >
Ballynagilly

Xacemento de Tyrone (Irlanda), situado na aba dun outeiro que domina unha braña. É o asentamento máis antigo do Neolítico irlandés (3650 a C). A súa ocupación continuouse ata o Neolítico final e a época do vaso campaniforme. A análise de pole mostra avances e retrocesos no cultivo do trigo e da cebada.

Más >
Abūsīr

Xacemento arqueolóxico exipcio de época menfita, 11 km ao SO do Cairo. Un dos cinco sectores da necrópole constitúe o camposanto principal, pero non exclusivo, dos faraóns da V Dinastía, constituído principalmente polas pirámides de Sahuré, Neferirkara-Kakai, Niuserre e Neferefre. O xacemento comprende tamén un templo solar, tipoloxía arquitectónica exclusiva da V Dinastía (Imperio Antigo Exipcio).

Más >
Adro Vello, necrópole do

Xacemento situado na praia do Carreiro (O Grove). Conserva restos de sartegos de pedra antropoides, restos de época romana e os alicerces do que sería unha igrexa visigótica e a súa necrópole adxacente.

Más >
Ciempozuelos

Xacemento prehistórico situado na vila homónima. En 1894 descubríronse unha serie de tumbas nas que se atoparon vasos campaniformes. A relevancia destes achados ocasionou que este lugar dese nome a un estilo de vaso campaniforme.

Más >
Ain Ghazal

Xacemento neolítico da Cisxordania de grande extensión que rexistra unha fase final do Neolítico precerámico do Próximo Oriente (6200/5500 a C), na época en que nesta rexión remata o proceso de domesticación animal (bóvidos, cápridos e porcino). Cómpre salientar a presenza neste xacemento de estatuaria de arxila representando humanos a tamaño natural.

Más >
Šay ’Abd-al-Qurna

Xacemento ar-queolóxico exipcio situado na ribeira occidental do Nilo, á altura de Luxor. Coñécese como o Val dos Nobres, porque alí foron enterrados personaxes das dinastías XVIII-XX. Comprende máis de cen tumbas de tipo hipoxeo. Destaca a decoración, principalmente pinturas, pero en ocasións tamén relevos, que ilustra sobre moitos aspectos da vida cotiá faraónica.

Más >
Boxgrove

Xacemento situado no litoral inglés, sobre unha plataforma de area que se constituíu nunha época quente preto dunha lagoa; bioestratigraficamente debe situarse no Cromerense (0,5 Ma). Neste xacemento aparece asociada fauna, unha tibia humana e diversos artefactos en sílex local. Os artefactos, bifaces ovalados, débris (produtos da labra rexeitados) e útiles sobre lasca (raspadeiras), atópanse en grandes concentracións e testemuñan o traslado e manufacturación da materia prima no mesmo lugar de habitación. Estes obradoiros son un fenómeno raro no Paleolítico inferior, aínda que no medio son máis comúns.

Más >
Bhīta

Xacemento arqueolóxico da India, ao S de Allahabad. É unha cidade fortificada da Idade do Ferro, coa típica cerámica negra vernizada, de onde xurdiron uns selos co nome de Vichhi e Vichigrama.

Más >
Bacho-Kiro

Xacemento en cova con presenza humana testemuñada no Musterense e no Auriñacense situado en Drianovo (Bulgaria). A ocupación Auriñacense (43.000 BP) é a máis antiga que se coñece ata agora para este período europeo, polo que a interpretación máis común relaciona este xacemento coa orixe e difusión do Homo sapiens sapiens por Europa. Outras interpretacións crean a partir do conxunto industrial do nivel 11 unha variante local que denominan Bachokirense, clasificable entre as industrias de láminas centroeuropeas de orixe autóctona e lixeiramente anterior ao máis antigo Auriñacense.

Más >
Loading