Donoso Cortés, Juan
Escritor, político e diplomático, marqués de Valdegamas. Deuse a coñecer politicamente en 1832 con Memoria sobre la situación actual de la monarquía, na que propugnaba un institucionalismo moderado. Elixido deputado por Cádiz (1837), antes da caída da Raíña María Cristina marchou a Francia, onde redactou o manifesto da rexente á nación (1840). Regresou a España en 1843 e foi deputado por Badajoz. Os intentos revolucionarios de 1848 provocaron a súa renuncia pública ao liberalismo e a proclamación da necesidade de opoñerse á revolución coa ditadura. En contacto co pensamento de Bonald e De Maistre, escribiu Ensayo sobre el catolicismo, el liberalismo y el socialismo (1851), onde avogou pola submisión, incluso política, ao cristianismo e á Igrexa católica como defensa contra o liberalismo e a revolución. A obra influíu na dereita española posterior e foi eloxiada polos pensadores políticos alemáns precursores do nazismo. Dende 1851 foi embaixador en París. Oposto ás ideas progresistas, fundou con Bravo Murillo o xornal El Porvenir e con Alcalá Galiano El Piloto. Entre as súas obras destacan Lecciones de Derecho político (1835) e La Ley electoral considerada en su base y su relación con el espíritu de nuestras instituciones (1835). En 1848 ingresou na Real Academia Española co “Discurso sobre la Biblia”.
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Valle de la Serena, Badajoz -
Deceso
Lugar : París