Donramiro, Santa María de
Igrexa parroquial situada en Lalín. De orixe románica, reformouse no 1654. No 1119 Xoán Díaz e María Luci, a súa dona, doáronlla á Igrexa de Lugo. Ten planta de cruz latina con dúas capelas laterais aos lados da nave. O primeiro tramo da nave pertence á primitiva igrexa e a cabeceira e as capelas laterais son barrocas. No interior, conserva restos dun baldaquino de pedra e un arcosolio cun sepulcro que se identificou co do conde Ramiro, aínda que a vestimenta do xacente é a propia dun eclesiástico que pode ser o fundador do templo barroco ou un párroco da igrexa. Conserva a fachada da primitiva construción románica. A portada está formada por dous pares de columnas acobadeladas, con capiteis e bases engadidos posteriormente, que sustentan o tímpano, formado por unha dobre arquivolta tórica e enmarcado por un arco carpanel que se apoia nas xambas. Sobre os ábacos das columnas interiores sitúase unha lousa que pertenceu ao primitivo tímpano; este ten esculpido dúas rosetas con cruces no centro e o monograma IHS, ademais de acoller unha imaxe da Virxe. Sobre a portada hai unha fiestra abucinada en liña co eixe vertical do pinche do campanario que está formado por dous vans formados por arcos de medio punto enmarcados por un bocel. Remata cun frontón triangular cun ollo de boi no centro e cunha cruz céltica como coroamento. Conserva tamén canzorros románicos e dúas pías bautismais no adro.