Doñana, parque nacional de

Doñana, parque nacional de

Espacio natural protexido que ocupa unha superficie de 50.720 ha -das que 10.000 son de propiedade pública- no golfo de Cádiz, na marxe dereita e na desembocadura do río Guadalquivir, dividido entre as provincias de Huelva, Cádiz e Sevilla. Propiedade entre 1309 e 1897 da Casa de Medina-Sidonia, que a obtivo logo da conquista aos árabes, empregouse fundamentalmente como couto de caza e débelle o nome a doña Ana de Silva y Pantoja, que viviu nun pazo no interior do coto a finais do s XVI. Foi declarado parque nacional en 1969. Alberga fundamentalmente tres ecosistemas relacionados: os complexos litorais de praia e dunas, as matogueiras ou cotos, e as marismas. Limita ao N co parque natural de Doñana (54.250 ha), declarado en 1989 e xestionado polo Goberno de Andalucía; nel pódense encontrar matogueiras mediterráneas, áreas húmidas estacionais e arrozais. A marisma forma unha gran planicie semiacuática e lamacenta de 22.000 ha atravesada por correntes de auga -denominadas caños-, con zonas de emerxencia de auga doce -os ojos- e pequenas lagoas de pouca profundidade -ou lucios-. As dunas móbiles ocupan 22 km de praia e unha superficie de 4.650 ha, están en lento movemento dende a praia cara ás marismas empuxadas polos ventos do sudoeste a razón de 6 m ao ano, e forman entre elas pequenas depresións con vexetación -denominadas corrales-. Cando as dunas, debido á distancia que as separa da costa, presentan menor mobilidade, a vexetación termina por cubrilas e asegura a súa fixación. Estas dunas estabilizadas -denominadas cotos-, presentan a miúdo piñeiros mansos procedentes de repoboacións realizadas no s XIX. Entre as marismas, as dunas e estes cotos pódese identificar unha franxa de terreo verde de pasteiros húmidos -denominada vera-. O parque nacional de Doñana é un dos espacios de maior biodiversidade de Europa e así están presentes nel 875 especies de plantas, 8 especies de peixes -entre as que se contou o esturión que tivo asociada, antes de extinguirse, unha pequena industria de envasado de caviar-, 11 de anfibios, 18 de réptiles -entre as que destaca o sapoconcho mouro-, 28 de mamíferos -con representación da mangosta común e o lince ibérico- e 226 especies de aves. Doñana constitúe un espazo fundamental nas migracións para máis de 150 especies de aves que aniñan en Europa; nela invernan máis de seis millóns de exemplares, entre eles destacan o cullereiro común, a galiñola cristada, a cerceta pinta, a malvasía común, a aguia imperial ou o ganso cinsento, que presenta concentracións de ata 60.000 individuos. O espazo aproveitouse tradicionalmente para a caza, a pesca, a gandería, as salinas, a madeira e a elaboración de carbón vexetal, feito que foi compatible co mantemento da súa diversidade. A partir da segunda metade do s XX sufriu gravemente a transformación de grandes extensións de marismas en cultivos, especialmente de arroz; a creación, sobre todo na costa, de urbanizacións turísticas e a intoxicación de todo o sistema húmido con residuos tóxicos. En 1998 sufriu un importante vertido tóxico producido pola rotura dunha balsa mineira en Aznalcóllar. Doñana foi declarada zona húmida de importancia internacional e de extraordinarios valores ecolóxicos polo Convenio Ramsar, Reserva da Biosfera (1980) e Patrimonio da Humanidade (1994) pola UNESCO.