dorna
Embarcación tradicional de pesca galega propia das Rías Baixas, de orixe autóctona, aínda que con posibles influencias nórdicas; de feito, presenta características similares ás máis primitivas embarcacións viquingas, produto quizais das incursións normandas altomedievais.
Características morfolóxicas e tipoloxías
A dorna é unha embarcación de proa lanzada, popa truncada, temón movido a cana e vela de relinga ao tercio. Co fin de adquirir unha maior lixeireza e durabilidade, constrúese en madeira de piñeiro manso, agás a quilla, que ten que ser de sobreira ou carballo (co tempo a madeira foi sendo substituída polo poliéster). A súa dimensión varía segundo os tipos. A eslora pode medir entre os 4 m das máis pequenas (polbeiras) e 6,5 m das meirandes (xeiteiras). A súa medida exprésase adoito en cuartas (da lonxitude da quilla), podendo oscilar entre as 8 e as 16. En proporción á eslora, teñen moita manga e a súa construción, a xeito de calime, amortece os bandazos do mar e dálle estabilidade na navegación. Destacan tamén pola súa capacidade de manobra -ó seren curtas de quilla poden virar case sen moverse do sitio cunha simple ceavoga- e a súa capacidade de navegación (de bolina). Antano, carenábanse cunha mestura de brea e xofre, feito que lle daba á obra viva a súa característica cor amarela, mentres que, para a obra morta, agregábaselle tinte negro sobre o que se pintaban diversos motivos decorativos. A miúdo cúrase con saín e alcatrán mesturado, que enchoupa a madeira e impide os ataques da auga doce. En función do seu uso, existen diversos tipos de dornas: polbeiras, carreiranas, tramalleiras e xeiteiras. A dorna polbeira mide 4,5 m ou 8 cuartas; emprégase na pesca de polbo, choco e lura dentro das rías (con nasas, palangres pequenos, liñas, corricáns) e como auxiliar de embarcacións meirandes. A dorna carreirana mide entre 4 e 5-5 m e emprégase na pesca artesanal mariñeira na costa da rías. A dorna tramalleira mide 6 m ou 12 cuartas e emprégase na pesca con aparello (trasmallos, xeito, vetas, miños ou palangres); resiste ben mares picados, navega de bolina con vela e ventos traveseiros, típicos das rías, e faena na costa. A dorna xeiteira mide 6,5 m ou 16 cuartas e emprega rede do xeito para pescar sardiña, xouba ou piobardo; moi pesada para o cerco, só é util para artes de rede ou de arrastre; utilizouse moito durante os s XVI e XVII -xa que a súa lixeireza, dobre propulsión (vela e remos) e estabilidade lle permitían faenar a maior distancia ca as outras embarcacións da época-, pero desapareceu a finais do s XVIII e foi subtituída pola traiñeira e o galeón.
Técnica construtiva e elementos
A diferenza doutras embarcacións tradicionais, a dorna caracterízase pola súa construción de calime: as táboas, en vez de xuntarse polos cantos, móntanse e crávanse unhas sobre as outras a partir da quilla, para facer a armadura interna despois; esta feitura dálle unha maior resistencia e lixeireza. Típica da beira norte da ría de Arousa, illa de Arousa e Ons, ten como prototipo a carreirana de 8,5 a 9 cuartas de quilla. Fronte a estas dornas de calime que portan proa tradicional, a dorna de tope é unha embarcación de proa lanzada. A obra viva é semellante á dun bote, ao iren as táboas a tope (arrimadas e cravadas nas cadernas); mentres que a obra morta se compón basicamente da táboa de cubrir. Así, nun principio comézase por armar a quilla co rodame. Logo prepáranse as táboas, cinco en cada banda, que forman os costados: táboa de cubrir (a superior); táboa de virar (a segunda); calime (a derradeira ou inferior); táboa de aparadura, táboa do plan e dous corredores na cuberta, de proa a popa, que habilitan un espazo interno dividido por tres bancos e unha cadeira, pequeno compartimento para gardar as redes, a pesca e o isco. Logo colócanse as dúas táboas que conforman a popa da dorna, os barragáns e posteriormente, fanse os madeiros e métense entre as táboas. Entre o banco de meo (babor) e o banco de cadeira, van as panas da cadeira, que serven para tapar a cadeira e formar un piso suplementario. As aberturas da cuberta, como os cofiños ou o burato do pan, levan os bordos protexidos por uns tacos de madeira a xeito de cuñas, os malletes, que serven para asegurar os paos. Entre o burato do pan e o panel de meo, a cuberta tapa a tilla, especie de habitáculo cunha porta cara ao panel de meo, que serve para gardar utensilios ou de catre para os mariñeiros. Debaixo do corredor, no panel de meo, vai a chilera, despensa na que se gardan os aparellos de pesca, como as liñas, as raspadoiras, os anzós, as chumbadas ou mesmo os víveres para a tripulación. O fondo da dorna vai cuberto co empanetado, agás na proa, onde se substitúe polo carro, anaco de madeira empregado para inclinar o pau da vela segundo a forza e dirección do vento. Os mamparos pasan do empanetado e chegan ata o fondo, de xeito que quedan en contacto coas táboas dos costados e do fondo; no extremo inferior levan a boroeira, para que a auga poida pasar duns compartimentos a outros. No calime, a rentes da quilla, leva a cadoira, outro burato que permite que a auga saia ao exterior. O sitema de propulsión habitual é o vento, sobre todo nas dornas de maior tamaño -porque as pequenas adoitan usarse para actividades a curta distancia do porto de orixe ou ben como auxiliares doutras embarcacións meirandes-, pero, cando este falla, úsanse os remos, constituídos por dúas pezas desmontables (guión e pa), cun reforzo no lugar onde se sitúa o estrobo para evitar que o rozamento morda a cana do remo. Os remos son longos e manéxanse cruzados, collendo o extremo do remo de estribor coa man dereita e o de babor coa esquerda, para diminuír o esforzo. O pau da vela posúe unha dimensión similar á lonxitude da eslora; pode ter ata tres posicións diferentes, feito que permite poñer o pau máis ou menos aguzado cara á popa, segundo a forza do vento. O temón, amais de aparello de guía, axuda á estabilidade da embarcación, pois cala case medio metro por debaixo da quilla a flote e funciona como orza, sistema propio da maioría das embarcacións de vela galegas. Os bordos da dorna, chamados pesqueiras, van reforzados co courel, listón de madeira no exterior da borda que forma a parte máis alta do costado; por debaixo deste, na mesma cinta, leva os embornais, buratos que saen aos corredores e que serven para expulsar a auga da cuberta. O mastro ou pau da dorna, que se emprega para sustentar as velas, introdúcese polo extremo inferior (mecha) nun dos buratos do carro. Do extremo superior do mastro parte o estrinque, cabo delgado que se ata ao banco de escota para darlle firmeza. A vela leva na parte superior uns nós lisos ou entrelazados, chamados envergues; a atadura do extremo anterior chámase cabeza e a posterior badaza, coas que se suxeita a verga ao mastro. No terzo anterior da verga átase o arrancamento, formado por un cabo no que van enfiados os garruchos, discos de madeira que abrazan o mastro e facilitan a manobra de izar e arriar da vela. A un metro da cuberta, o mastro únese a unha peciña de madeira, o chazarel, na que se ata un cable que sostén un motón polo que pasa a ostaga, cabo ou cable para izar a vela por medio da driza. O lado vertical anterior da vela leva, no terzo inferior, as poias, que se fixan en dous ou tres puntos de cada unha das relingas de caída das velas para amarrar as bolinas; nas liñas horizontais que uns e outros determinan, leva a vela unhas barazas, chamadas velafíns, que se empregan para recoller os rizos, acurtando a superficie da vela.
Orixe e evolución
A dorna apareceu na Idade Media e, malia ser, xunto á gamela, unha das embarcacións galegas máis antigas, aínda segue a ser moi demandada polos pescadores de liña e os mariscadores. Ademais, as boas condicións mariñeiras que lle proporcionan a quilla, a vela latina, a vela móbil, e o seu amplo temón, fana moi axeitada para navegar a vela; de aí, a súa implantanción como embarcación deportiva e o seu uso por regatistas e afeccionados. Tradicionalmente, os mariñeiros, que ían acompañados dos seus fillos nas faenas da pesca, adoitaban regalarlles a estes, no día da súa voda, unha dorna como parte da dote; en certa maneira, significaba o pago que o pai lle daba ao fillo polo traballo realizado ao longo dos anos na súa compaña. Ademais, era costume que lles puxesen ás embarcacións un nome de muller; por iso abondaban as Remedios, Rosa, Josefa, Dolores ou María. Este costume constituía unha forma de lles outorgar ás dornas atributos femininos, como o da fecundidade, tan necesaria para eles tanto fóra coma dentro do mar e ás veces, poñíanlle tamén o nome da Virxe do Carme, que, por ser muller e patroa dos mariñeiros, simbolizaba a protección e a fecundidade que o mariñeiro necesita no mar.