Doroña, Santa María de

Doroña, Santa María de

Igrexa parroquial situada en Vilarmaior. De estilo románico, unha inscrición no tímpano da fachada principal dátaa no 1162. No 1185 Fernando III doou os seus beneficios a San Xoán de Caaveiro. Ten unha soa nave e unha ábsida semicircular precedida dun curto tramo recto. O arco triunfal é de medio punto, peraltado e dobrado, e está moi elevado. A rosca menor descansa sobre dúas semicolumnas pegadas que non teñen bases e con capiteis con decoración vexetal moi sinxela que non cobre toda a súa superficie. No exterior da capela maior destaca unha colección de canzorros con decoración xeométrica; as metopas que están entre eles adórnanse con grandes flores de botón central en resalte. A nave sufriu algunhas modificacións que afectaron ás partes altas e os canzorros están colocados a distancias desiguais. A porta norte, tapiada, remata nun tímpano semicircular liso, mentres que a meridional presenta ademais un lintel. A portada principal protéxese cun pórtico de madeira con apoios de pedra e coróase cun arco lixeiramente apuntado e sostido por dúas columnas acobadadas. Sobre elas hai capiteis de cestas esveltas e alongadas, con follas planas e algunha figura humana moi ruda. No tímpano represéntase un Agnus Dei inscrito nun pentágono e na parte inferior consérvase a inscrición de 1162.