Drake, Francis

Drake, Francis

Mariño inglés. En 1567 participou nunha viaxe de tráfico de escravos ao golfo de México, na escuadra que capitaneaba sir John Hawkins. Realizou dúas viaxes ás Indias Occidentais (1570 e 1571), nas que continuou co negocio de escravos e recoñeceu o territorio. Dirixiu unha expedición de saqueo contra os portos españois do Caribe (1572) na que conquistou Nombre de Dios e destruíu a cidade de Portobelo. Por orde da Raíña Isabel I de Inglaterra, en 1577 iniciou a circunnavegación na que capturou diversos barcos españois, saqueou Valparaíso e tomou posesión das terras ao N da baía de San Francisco. Chegou a Inglaterra en setembro do 1580 e a raíña recompensouno co título de sir. Foi alcalde de Plymouth e en 1584 elixírono membro do Parlamento. En 1585 presentouse nas costas galegas á fronte de 21 barcos, diversas embarcacións menores e ao redor de 2.000 soldados, que fondearon nas illas Cíes. Continuou a viaxe polo Océano Atlántico, atacou Santo Domingo e Cartagena de Indias e fundou a primeira colonia inglesa nas Indias Occidentais, na illa de Roanoke. En 1587 destruíu a flota española reunida en Cádiz e serviu como vicealmirante da flota inglesa que destruíu a Armada Invencible (1588). O 4 de maio de 1589 dirixiu o ataque dunha flota inglesa integrada por 130 barcos e ao redor de 17.000 soldados contra A Coruña, como represalia pola expedición española contra Inglaterra. Os ingleses, que desembarcaron no fondo da ría, cercaron a cidade e atacárona o 19 de maio, pero malia os seus esforzos foron derrotados. No verán dese ano atacou Vigo, que foi incendiado e destruído na súa maior parte. Logo destas expedicións de castigo volveu a Plymouth e ao Parlamento. Morreu nunha expedición contra as tropas españolas no Caribe.

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : Crowndale, Devon

  • Deceso

    Lugar : Portobelo